Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2023 | Actualizada ás 14:34
O presidente da Comisión de Transportes do Congreso e candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que a autovía Lugo-Santiago marcará un "antes e un despois" na conexión da Galicia interior e a costeira. Besteiro visitou este luns xunto ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, unha das obras máis destacadas desta conexión, o viaduto do río Pambre, en Palas de Rei. Trátase da ponte máis longa das estradas da provincia de Lugo, que quedará culminado co último dos seus 16 vans.
Na visita, da que informou o PSdeG nun comunicado, Besteiro destacou a importancia desta autovía, "clave para a conexión da Galicia interior, especialmente para os veciños que viaxan entre Lugo e Santiago", e na que o goberno de Sánchez inviste 192 millóns de euros nos dous tramos finais en execución. O deputado lucense e o delegado do Goberno en Galicia visitaron as obras que acomete o Executivo nesta autovía e que xa se atopan executadas nun 83% da súa totalidade.
Para Besteiro, isto supón "un paso máis na conexión da Galicia interior, clave para a conexión de Lugo coa capital galega e para o desenvolvemento social e económico do país". Ademais, destacou que os veciños farán o percorrido entre Santiago e a cidade da muralla en 50 minutos, a metade do traxecto actual pola N-547. O candidato socialista á Presidencia da Xunta entende que estas actuacións van na mesma liña de conectar as dúas realidades de Galicia, liberando dos custos á cidadanía, "como xa fixo o Goberno de España coa bonificación das peaxes da AP-53 e AP-9".
"MOI BOAS NOTICIAS EN 2024"
"Como lucense, sei ben o urxente que é para o interior de Galicia esta obra", apuntou Besteiro, que sinalou que "marcará un antes e un despois na conexión da Galicia interior e a costeira", así como que espera "moi boas noticias no 2024" ao consolidarse nos orzamentos do Estado o seguinte tramo da obra.
Besteiro sostivo que "na era Rajoy non houbo investimento para estes tramos" e que "é a era Pedro Sánchez a que marca ese impulso definitivo nos investimentos" con case 200 millóns de euros investidos nos dous tramos.
Nesta liña, o deputado nacional avanzou que "esta autovía permitirá, non só comunicar as provincias da Coruña e Lugo, senón que mellorará tempos, comodidade e seguridade viaria". "Hoxe existe un tránsito moi alto de peregrinos na estrada nacional e, deste xeito, aforraremos tamén a travesía de Melide", indicou.
O PP SOBRE O PERCORRIDO DE BESTEIRO LUGO-SANTIAGO
O Partido Popular asegurou que o "percorrido de Lugo a Santiago" emprendido polo candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, é o "único menos crible" que a finalización da A-54. Así o manifestou este luns o PP de Lugo nun comunicado remitido aos medios en resposta á visita realizada polo dirixente socialista ás obras do viaduto de Pambre, da A-54, en Palas de Rei.
Os populares censuran que candidato socialista vaia a ver obras "coas mans nos petos", "consciente de cal vai ser o resultado nas autonómicas". Ademais, sostivo que Pedro Sánchez "non se esforza en terminar esta autovía porque o de Lugo a Santiago vai en Falcón". "As propostas que poida facer o candidato socialista teñen a mesma credibilidade que as que fixo o presidente do Goberno todos estes anos", sostiveron os populares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.