Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/12/2023 | Actualizada ás 11:26
Xa é posible solicitar o voto por correo para as eleccións autonómicas ao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro. Así, os electores que decidan votar por correo poden solicitar até o mesmo 8 de febreiro o Certificado da súa inscrición no Censo Electoral de Galicia. A obtención deste certificado é requisito imprescindible para poder emitir o voto por correspondencia e pode solicitarse, por vía telemática a través da web www.correos.es ou presencialmente en calquera oficina de Correos de España.
Os electores poden solicitar o seu voto a través da web de Correos (www.correos.es), sen ter que acudir en persoa a unha oficina postal. Neste modelo de solicitude, que evita desprazamentos, o interesado debe acreditar a súa identidade mediante firma electrónica e aceptándose como sistemas de identificación válidos os certificados de persoa física recoñecidos polo Ministerio de Industria e o DNI electrónico (DNI-e).
A solicitude de voto por correo pode realizarse en todas as oficinas de Correos de España. Esta petición debe ser realizada persoalmente por cada elector, salvo en caso de enfermidade ou discapacidade acreditada mediante certificación médica oficial que lle impida a formulación persoal da devandita petición. Neste caso pode ser presentada en nome do elector por outra persoa autorizada notarialmente ou consularmente.
No momento de formular a solicitude, os interesados deben acreditar a súa identidade presentando ante o empregado da oficina postal o DNI, Pasaporte ou carné de conducir orixinais.
CITA PREVIA
Co obxectivo de axilizar os trámites e evitar esperas, a compañía ofrece a opción de cita previa para a solicitude do voto en oficinas, a través da app, a web de Correos ou a Oficina Virtual. Para iso o elector tan só debe seleccionar a oficina dispoñible que teña cita previa e, por último, elixir o día e a hora que máis lle conveñan.
Correos entregará as solicitudes recibidas nas Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral en Galicia, quen enviarán aos solicitantes, a partir do 29 de xaneiro de 2024, a documentación necesaria para que poidan exercer o voto por correo. As persoas que soliciten o voto por correo que esa documentación recibirana na dirección que indiquen na solicitude, que non ten por que coincidir co seu domicilio habitual. O prazo de depósito do voto por correo finalizará o 14 de febreiro de 2024.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.