Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2024 | Actualizada ás 16:54
O Concello de Pontevedra investirá 579.000 euros na reparación do Pavillón de Marcón, o edificio de Michelena 30, a Casa da Luz e a Escola infantil da Parda, instalacións municipais que resultaron danadas polos últimos temporais.
Segundo informou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a xunta de goberno local celebrada á primeira hora da mañá deste xoves ratificou o decreto de Alcaldía que acorda a realización por emerxencia de diversas reparacións.
Para o Pavillón de Marcón destínanse 146.173 euros ao cambio dos paneis na cuberta, a modificación dos canalóns, colocación de aliviadoiros de auga e a impermeabilización da cuberta e da zona de vestiarios.
No Edificio municipal de Michelena 30 gastaranse 83.078 euros na colocación dunha nova liña de vida para permitir o mantemento da cuberta, arranxo e impermeabilización do canalón e instalación dun novo lucernario despois de que o vento arrincase o anterior.
Na Casa da Luz faranse obras por un montante global de 172.614 euros para a retirada de mobiliario, cambio de tabiques e pavimento, substitución de portas e a colocación de bombas para desaugue e evacuar auga que alaga o soto do edificio procedente dunha mina. Habilitarase un sistema de alarmas por fallo eléctrico.
Finalmente, na Escola infantil da Parda executaranse obras por 177.165 euros para arranxar o perímetro na zona do patio exterior e da zona de pendente da entrada, executando un sumidoiro de recollida de pluviais, ademais da reparación dos pavimentos danados pola auga no interior. Seguindo as instrucións técnicas, será a empresa Construciones Ramírez, S.L. a encargada de realizar estes traballos con carácter de urxencia, polo que comezarán con moita brevidade.
LUMINARIAS
O Concello de Pontevedra renovará 1.607 luminarias da iluminación pública de 77 rúas, parques e prazas da zona sur da cidade, o que permitirá un aforro no consumo de 729.953 kW/h ao ano e unha redución de 380,31 toneladas CO2 de emisións.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores acudiu este xoves aos Xardíns de Marescot, na rúa Alameda, para comprobar a evolución dos traballos que se están levando a cabo para a renovación das luminarias da zona centro-sur da cidade.
Tamén se persegue mellorar a iluminación dos espazos públicos e reducir a luz intrusa nas vivendas a través dun investimento de 1,5 millóns de euros nesta primeira fase que está a executar a empresa Setga.
O proxecto inclúe o reforzo da iluminación nos pasos de peóns, unha mellor iluminación nas glorietas e nos ámbitos peonís. Ademais, substitúense 32 cadros de mando, retirando o actual sistema de aceso de fotocélula ou reloxo astronómico por equipo de telexestión.
O contrato, que está financiado a través dun convenio coa Deputación provincial, foi adxudicado á empresa Setga a primeiros do pasado mes de maio por un orzamento de 1.557.828,75 euros. Como mellora ofertou o mantemento das instalacións durante catro anos, ademais dos catro anos de garantía legal da propia instalación. A empresa tivo que pedir unha prórroga no prazo debido ás inclemencias meteorolóxicas que causaron danos e atrasos impediron o cumprimento do contrato no tempo previsto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.