Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/01/2025 | Actualizada ás 17:18
A portavoz de Sumar no Congreso, Verónica Martínez Barbeiro, afirmou que o seu partido "fará todo o que estea na súa man" para "frear" o proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei (Lugo) e confía en que "non reciba" fondos europeos.
"Altri non é unha alternativa industrial para Galicia. Non pode selo ningunha alternativa que destrúa a nosa forma de vida, que destrúa empregos que xa existen e que son os que queremos, que destrúa o noso territorio, que acabe coa biodiversidade na ría de Arousa. Ese proxecto non pode estar en Galicia", esgrimiu nunha entrevista na Cadea Ser, recollida por Europa Press.
Neste sentido, garantiu que Sumar fai desde dentro do Goberno "todo o que ten que facer" para que Altri "non salga adiante" e incidiu en que á Xunta "non quedará máis remedio" que escoitar á sociedade que rexeita este proxecto.
Por iso, confiou en que o proxecto de Greenfiber "non reciba" fondos do Goberno central xa que, nas súas palabras, "non cumpre con ningún dos requisitos de coidado ambiental nin de descarbonización".
DEBATE DA AP-9
En canto á AP-9 subliñou que "se debe de recuperar" para o público e xestionalo dentro do Estado para "deixar de enriquecer" a unha empresa privada. "Estamos a gastar diñeiro en pagarlle a unha empresa privada, isto é o que estamos a facer coas bonificacións", lamentou, á vez que considerou que o debate deste tema no Congreso non debe atrasarse.
SUMAR GALICIA
En canto ao proxecto de Sumar en Galicia definiuno como "moi ilusionante" e mostrouse "encantada" coa súa organización política. "Creo que é un bo momento para movemento Sumar Galicia e que estamos ao afrontar con ilusión", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.