Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/01/2024 | Actualizada ás 10:51
A mala xestión que as administracións, especialmente a Xunta de Galicia, está facendo das verteduras de pellets plásticos na costa galega uniu, novamente, como aconteceu no Prestige, a numerosos colectivos sociais e medioambientais que están dacordo xa en convocar unha gran manifestación para o vindeiro 21 de xaeniro en Santiago de Compostela.
Con máis de 70 praias con presenza de microplásticos, 42 delas documentadas a través de imaxes, ta e como puido certificar Galicia Confidencial neste vídeo, aínda que a Xunta fala só de 30, a indignación é patente entre os voluntarios. Por iso, nos grupos de organización de limpeza creados a través de WhatsApp e de Telegram (onde hai máis de 1.000 persoas), xa se barallaba estes días a posibilidade de manifestarse esta fin de semana. Finalmente, será para dentro de dúas.
Organizacións ecoloxistas, voluntarios e plataformas sociais critican a desorganización na limpeza das praias, así como a falta de información sobre os pellets e o uso de maquinaria para a limpeza.
NEGAN RAZÓNS ELECTORALISTAS
Os colectivos ecoloxistas apuntan que, de novo, quen saíu "desde o minuto un" a recoller os plásticos foron "persoas voluntarias e sen medios", igual que pasou co Prestige.
Aínda que recoñece que a dimensión da actual vertedura é moi distinta á crise do chapapote, o presidente da PDRA Xaquín Rubido asegura que "o modus operandi e o nivel de incompetencia é o mesmo". E que non se debería minimizar "por motivos electoralistas" algo que "non tería que chegar ata onde está a chegar".
Para o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, a manifestación convocada en Santiago non ten ningunha intención de interferir nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro. "Simplemente vémonos obrigados a convocala porque o malestar é moi grande", sinalou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.