Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/01/2024 | Actualizada ás 15:15
O Consello de Contas detectou usos irregulares de contratos tanto en procedementos abertos como de tipo menor en diferentes entes dependentes do Goberno galego, segundo se recolle nun informe de fiscalización publicado este mércores. En concreto, no 23% das entidades dependentes da Xunta detectouse "a utilización irregular de contratos menores como contratos-ponte para garantir a continuidade dun servizo mentres non se resolvía a licitación a través doutro procedemento". En detalle, identifica a dúas entidades que prolongaron no tempo a situación de transitoriedade encadeando sucesivos contratos menores, o que deu lugar a un acumulado de 3,5 millóns e máis de 129.000 euros en cada caso.
O presidente da Xunta xa saíu ao paso desta información asegurando que aínda non leu o informe pero que "hai unha fase de alegación" e os erros que haxa "serán corrixidos". En todo caso, puntualizou que do que fala Contas é de irregularidades en "contratos menores". "E deses hai moitos en todas as administracións", xustiticou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
"Nós temos tamén aos nosos técnicos traballando e se hai algo que corrixir non hai problema en corrixilo. A Xunta corrixe os seus erros, outras administracións xa non sei", respondeu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.