Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2025 | Actualizada ás 14:36
O Parlamento galego acordou, de forma unánime, apoiar unha iniciativa do BNG en contra de que se inclúa á anguía como especie protexida e se prohíba a súa venda. Na Comisión de Pesca, a deputada Rosana Pérez (BNG) alertou da proposta da Comisión Europea para incluír á anguía europea no Apéndice I da Cites (Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres), o que levaría "prohibir definitivamente a súa comercialización a partir do mes de novembro", nunha decisión que se tomará nunha conferencia en Usbequistán.
Así, alertou do "golpe" que esta medida suporía para unhas 50 embarcacións galegas, principalmente na zona de Vigo, pero tamén noutros sitios como Ferrol ou Arousa. Esta proposta tamén insta á Xunta a remitir á Cámara os seus informes positivos sobre o estado da poboación de anguía en Galicia e "facelos valer" ante o Goberno central e a Comisión Europea para "evitar novas medidas gravosas para a frota galega". Tamén se apela a planificar medidas para paliar a situación económica da frota galega no caso de que esta especie quede vedada de forma definitiva.
Nunha intervención integramente en castelán, na que empregou topónimos deturpados como "Arosa" (a única forma oficial é Arousa), o deputado popular Jesús Fernández Rosende pediu o "maior esforzo" por chegar á cita de novembro con "un posicionamento moi claro" por parte do Goberno galego e do Estado en defensa da anguía. Pola súa banda, Xullo Abalde mostrou o respaldo do PSdeG a esta proposta ao estar "absolutamente de acordo" nas súas reivindicacións.
O BNG ACUSA AO PP DE "SALTARSE AS NORMAS" NA COMISIÓN DE PESCA
Por outra banda, a deputada do BNG Rosana Pérez queixouse durante o transcurso da Comisión de Pesca polo deputados populares que se atopaban dirixindo a Mesa deste órgano, xa que reprocha aos populares que "se están saltando as normas absolutamente de todo" no Parlamento galego. Durante o debate de proposicións non de lei desta comisión non estaban presentes nin a presidenta nin a vicepresidenta da mesma, as populares Patricia García e Paula Mouzo, respectivamente. Así, sentados na Mesa estaban os deputados do PPdeG Julio García Comesaña e Ángel Rodríguez, ademais dun letrado da Cámara.
Deste xeito, Rosana Pérez tomou a palabra para denunciar que a presidenta da comisión "non é sustituible" e cuestionar en calidade de que estaban os deputados na Mesa, á vez que a secretaria deste órgano, Carmela González (BNG), estaba sentada ao seu lado e non na Mesa. "Parece que isto é calquera cousa menos unha comisión", afirmou. Censura que o PP fai con "moita frecuencia" o que considera prácticas contrarias ao regulamento. En resposta, García Comesaña explicou que Ángel Rodríguez estaba en substitución da vicepresidenta e que el mesmo se atopaba "axudando" a este deputado por ser "máis veces" presidente. "Se molesta, síntoo, estou a botar unha man e pouco máis", aclarou.
A deputada nacionalista demandou "tomar en serio" a normativa parlamentaria, pois "é bo manter as formalidades". Lembrou que cando ela mesma foi presidenta de comisión díxoselle "claramente" por parte do PP que a presidenta era "insubstituíble". Máis aló do substituto da vicepresidenta sostén que: "Non debe estar ninguén máis nesa Mesa facendo non sei moi ben que funcións". Incide en que esta queixa "non é ningún capricho" sobre as formalidades, xa que ao resto de formacións: "Se non as cumprimos, sanciónannos".
Comesaña replicou que a presidenta da Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo si que estivo ao comezo da mesma durante a súa constitución, pero ao ter que marchar el mesmo subiu á Mesa para "botar unha man" ao substituto da vicepresidenta, quen estaba por "primeira vez" nesa función. Tras esta lea, a sesión proseguiu coa súa orde do día coa petición da deputada do Bloque de que se aclare esta circunstancia para futuras ocasións e deixando claro que non se trata de nada persoal contra o popular García Comesaña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.