Por Galicia Confidencial | Lalín | 18/02/2025 | Actualizada ás 21:37
Numerosos empadroamentos ilegais en vivendas do concello chamaron a atención dos grupos da oposición de Lalín. Un tema que mesmo chegou ao pleno municipal e que volveu ser tratado polos voceiros municipais este mesmo martes.
Os socialistas lamentan que Crespo "siga botando balóns fóra cando está claro que a responsabilidade do padrón é municipal e que a máxima autoridade é o alcalde". Tanto o PSdeG coma o BNG piden transparencia e explicacións e acusan ao goberno popular de non querer dar respostas.
O PSdeG local denunciaba hai uns días a "a absoluta falta de explicacións" por parte do goberno local e de Crespo. "O silencio do PP é tan grave como os feitos que están a saír á luz e a veciñanza merece saber que pasou realmente, que sabía o goberno e por que non se actuou a tempo, máis despois de facerse públicos casos de vivendas con empadroados que non residían e de non actúar cando desde á Subdelegación se solicitou revisar estas situacións", indicaban.
Os socialistas lembran que hai máis dun ano xa advertiron de que se estaban producindo situacións canto menos sospeitosas no padrón municipal e que a resposta do PP no Pleno foi negalo todo.
O PP DI QUE SE FACILITARÁ INFORMACIÓN
Este martes, a Xunta de voceiros abordou o tema do empadroamento. Segundo indicaron fontes do Concello a Galicia Confidencial analizáronse fórmulas para que os propietarios de inmobles poidan acceder á información sobre os empadroados nas vivendas da súa propiedade. "Unha cuestión, que entenden os técnicos que non sería moi viable atendendo a LOPD", sinalaron.
Os populares destacan que tanto o alcalde, como o resto dos grupos políticos, "solicitou a busca de fórmulas para poder facilitar o acceso a esta información" e mesmo se trasladará unha consulta ao organismo de asesoramento da Deputación de Pontevedra para consultar a viabilidade da medida.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.