O Parlamento reclama acelerar os fondos de compensación para vítimas do amianto

O deputado nacionalista Mon Fernández denunciou a "demora inxustificada" dun regulamento estatal que debería aprobarse antes do 20 de xaneiro de 2023

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2025 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

O Parlamento galego aprobou unha iniciativa, a proposta do BNG, para urxir ao Goberno central a entrada en vigor do regulamento de desenvolvemento da Lei de Creación dun Fondo de Compensación para as Vítimas do Amianto.

O deputado nacionalista Mon Fernández denunciou a "demora inxustificada" dun regulamento estatal que debería aprobarse antes do 20 de xaneiro de 2023, de forma que as vítimas seguen esperando pola posta en marcha dun fondo de compensación desde fai máis de sete anos. A iniciativa do Bloque saíu adiante co voto a favor do PP e a abstención do PSdeG.

Na Comisión de Economía, Fernández chamou a atención acerca dunha reparación integral ás persoas afectadas sen necesidade de acudir aos tribunais. Sinala que, segundo Agavida, hai 10.000 vítimas só na comarca de Ferrol.

"As vítimas do amianto non dispoñen de prórrogas, non teñen tempo que perder", avisas sobre uns atrasos na aprobación do regulamento "non só frustrantes, senón tamén absolutamente indignantes".

A proposta céntrase en cuestións como ampliar as patoloxías recoñecidas, de forma que se inclúa o cancro de útero, a fibrose ou as placas pleurales, dado que consideran a listaxe de patoloxías do borrador limitado.

Entre outras cuestións, tamén se demanda dotar ao fondo dunha estrutura descentralizada resolvéndose as solicitudes ao fondo desde organismos de carácter provincial ou que as compensacións económicas percibidas polas persoas beneficiarias estarán exentas de tributación.

O BNG denuncia que a estrutura "totalmente centralizada" do fondo de compensación fai que os encargados de resolver as solicitudes serían uns Equipos de Valoración de Incapacidades (EVIS) "colapsados".

CONSUMO DE PRODUTOS LOCAIS

Nesta comisión saíu adiante outro acordo, neste caso por unanimidade, impulsado polo PSdeG, para que a Xunta aprobe este ano unha estratexia de contratación pública para que, entre outros obxectivos, se recolla especificamente fomentar a economía de proximidade e o consumo de produto local galego nas contratacións públicas das diferentes entidades do sector público autonómico (hospitais, escolas infantís, colexios, residencias de maiores). O obxectivo é contribuír á transición enerxética e redución do uso de combustibles fósiles.

Ademais, pídese que nas contratacións públicas de servizos de comedor, catering ou cafetarías licitadas polas entidades do sector público autonómico galego deberá recollerse como criterio de adxudicación ou como condición especial de execución, cláusulas que favorezan esta medida.

Comisión de Economía. PARLAMENTO
Comisión de Economía. PARLAMENTO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta