Por Europa Press / Redacción | VIGO | 19/02/2025 | Actualizada ás 14:51
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que desde a súa formación non aceptan "leccións de feminismo do PP", indicando que espera aínda que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, se desculpe polas súas declaracións "paternalistas e machistas" realizadas no último pleno. Así o sinalou tras ser preguntada este mércores en Vigo sobre o cartel da CIG no que, mentres se reivindica máis persoal para residencias de maiores, aparece un debuxo, a modo de caricatura, da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, sentada nun sofá, cun bolso de marca e que afirma que lle "matan" as rebaixas.
Ante esta situación, a propia García instou este martes a Pontón a "rexeitar publicamente" o "panfleto", ao velo "machista" e "noxento", solicitando tamén ao sindicato que "rectifique" esta conduta. Pola súa banda, Pontón recoñeceu que á conselleira de Polícia Social hai que criticala "polas súas actuacións", porque en materia de Política Social é un "escándalo" o que pasa en Galicia, onde "morre xente esperando pola lei da dependencia" ou se producen feitos "moi graves" nas residencias de maiores, con internos psiquiátricos que xeran "problemas de convivencia".
"Sobran os motivos para criticar a unha conselleira polo que fai", engadiu. "Creo que ás mulleres en política hai que criticarnos, do mesmo xeito que aos homes, polo que facemos. Esa para min é a cuestión crave. Sobran os motivos para estar alarmados polo caos que hai neste momento na Consellería", subliñou. Para Pontón, está a tratarse de forma "inxusta" ás traballadoras sociais e "non se está dando resposta" a necesidades sociais en ámbitos como as residencias ou a dependencia.
O PP CONSIDERA A ACTITUDE DE PONTÓN "LAMENTABLE E INTOLERABLE"
Así as cousas, a portavoz de Igualdade do Grupo Parlamentario Popular, Raquel Arias, advertiu este mércores que é "lamentable e intolerable" que a líder do BNG, Ana Pontón, elixa a "submisión ao sindicato que goberna" a súa formación antes de "reprobar a repugnante campaña machista" do mesmo contra a conselleira de Política Social, Fabiola García. "Ese é o feminismo sectario que practica o nacionalismo galego, totalmente mudo e indiferente cando se ataca a alguén que non comulga co seu ideario político", contestou, nesta mesma xornada, a portavoz de Igualdade do PP na Cámara autonómica. "A señora Pontón e todas as nacionalistas galegas deberían ter moi presente que o feminismo e a igualdade non entenden de cores políticas", agregou, antes de engadir: "o PP non quere dar leccións de feminismo e a igualdade a ninguén, porque estamos convencidos de que son obxectivos que debe afrontar e conseguir a sociedade no seu conxunto".
Así mesmo, Raquel Arias lamentou que "a señora Pontón considere paternalistas e machistas as réplicas do presidente Rueda ás súas intervencións no pleno, cando o que queda patente en cada sesión é que o presidente da Xunta refuta con datos e argumentos sensatos toda a demagoxia e a terxiversación coa que a portavoz nacionalista adorna as súas actuacións". "Coincidimos coa señora Pontón en que ás mulleres en política hai que criticarnos do mesmo xeito que aos homes, algo que parece que a ela tan mal lle senta cando a crítica vén desde os escanos do Grupo Popular, pero non chegamos a comprender que aparte a súa loita feminista e defensora das mulleres para esconderse detrás dunha noxenta campaña de quen realmente manda no BNG: a UPG e a CIG", recalcou Arias.
PONTÓN TACHA DE "PROPAGANDA" AS MEDIDAS DA XUNTA SOBRE VIVENDA
Pontón tamén considera que a Xunta "non ten resposta" aos problemas de acceso á vivenda en Galicia, con "poucas medidas reais" a pesar da "propaganda". Así respondeu este mércores en Vigo tras ser preguntada polos medios de comunicación sobre os parámetros do bono aluguer para mozos lanzado polo Executivo galego, que establece un límite de prezo de 700 euros na Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Pontevedra; entre 500 e 600 noutras cidades e de 400 euros no resto de Galicia.
Para Pontón, hai un "exceso de propaganda" pero a Xunta "non dá resposta" aos problemas da vivenda, porque a maioría dos mozos non poden acceder a ela, segundo dixo. Por iso, apuntou aos "miles de vivendas baleiras" que existen en Galicia, solicitando que se leve a cabo unha compra pública para pola en aluguer a prezo "razoable". "Creo que á Xunta sóbralle propaganda e fáltanlle feitos á hora de falar de vivenda", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.