Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2025 | Actualizada ás 17:46
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de viaxar a Bruxelas para "defender os intereses das eléctricas e de Altri". En declaracións difundidas aos medios, a líder frontista comentou o desprazamento de Rueda á capital comunitaria para participar no Comité das Rexións.
Para a nacionalista, o presidente autonómico acode a Bruxelas "a defender que unha empresa portuguesa poida recibir 250 millóns de euros públicos para contaminar o rural e pór en risco 8.000 empregos". Lamenta que non aproveite para "defender os intereses dos galegos" en lugar de exercer "de comercial" de Altri ou de reivindicar a "protección" do sector pequero fronte ao desarollo da eólica mariña.
Pontón subliñou que Rueda "traballa" para as empresas enerxéticas cando no seu encontro co comisario de Pesca da UE, Costas Kadis, "defende chantar encima dos principais caladoiros deste país muíños eléctricos que o único que van facer é destruír e acabar co sector".
EURODEPUTADA
Pola súa banda, a eurodeputada do BNG Ana Miranda afeou a Rueda no momento da súa chegada ao pleno do Comité Europeo das Rexións que non incluíse na súa axenda un encontro con ela, "a única europarlamentaria galega que forma parte da Comisión de Política Rexional na que se decide a repartición de fondos para Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.