Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 20/01/2024 | Actualizada ás 21:00
Tomade nota porque o día 26 deste mes no Teatro Colón (A Coruña), Luar na lubre presenta o seu vixésimo traballo recompilatorio dos seus 37 anos de traxectoria. "Non só dos temás máis coñecidos do repertorio, senón daqueles que teñen un significado especial ao longo destes anos. Quixemos poñelos de novo en valor", recoñece Bieito Romero, membro e fundador do grupo, xa que os temas están redixitados, remesturados e remasterizados. Contará con máis de 150 colaboracións de artistas galegos e do ámbito nacional e internacional. Presentarase nun formato de librodisco, o libro será unha especie de cronoloxía resumida destes 37 anos de traxectoria, con máis de 50 colaboracións de escritores, xornalistas e xente vencellada á música e a cultura galega.
"A persoa que decida vir, vivirá un concerto onde nos centraremos neste vixésimo traballo que se chama 'Luar na lubre XX. Encrucillada' no que ofreceremos boa parte dos temas que están neste disco e tamén facer un percorrido pola nosa traxectoria de 37 anos con cancións moi emblemáticas e coñecidas", conta. Será unha mestura das novas cancións e as clásicas con máis de 20 colaboracións participando no concerto, artistas coma SÉS, Xoán Antepazo de Astarot, Rosa Cedrón... "Pretendemos que sexa unha conmemoración neste vixésimo traballo que editamos".
Cal dirías que é a vosa canción máis emblemática? "E que hai moitas, depende da óptica coa que se mire, digamos que a canción máis coñecida e que é o buque insignia da nosa traxectoria é 'O son do ar' que lle dá título ao noso primeiro traballo e que no ano 1996 versionou Mike Oldfield.
O grupo galego 'Luar na Lubre' lanza o disco 'XX-Encrucilladas', que recompila 37 anos da súa traxectoria. XUNTAView this post on Instagram
A post shared by Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
Cando lle preguntamos por referentes inspiradores para o grupo recoñece que teñen moitísimos porque cada un dos membros provén de músicas moi diferentes. Explica que co paso do tempo, procuraron "ter personalidade propia" e que os referentes inciais foron moitos desde folk, música clásica, latina, africana, música étnica, celta... "Procuramos facer un conglomerado entre os diferentes referentes de cada un que é o resultado da nosa sonoridade e propia identidade como grupo". Tamén fai fincapé na importancia das experiencias e vivencias para aprender ao longo do camiño.
O PANORAMA MUSICAL GALEGO
"O panorama músical desde o punto de vista artístico está ben, nunca tan ben estivo como nestes momentos. Cando comezamos, a música vivía unha situación moi precaria e difícil, a día de hoxe, hai músicos impresionantes e moita cantidade de propostas", sinala Bieito.
Porén, pensa que o "paradóxico é que son propostas que non acaban de consolidarse no tempo, de saír fóra de Galicia e de profesionalizarse". E e aí é onde está a "tara" máis importante que ten a música galega en xeral, dentro de calquera estilo. Para o membro de Luar Na Lubre é difícil que un grupo acabe trascendo cantando no noso idioma e levando a nosa cultura por bandeira e que fai falta "un impulso". Bota a vista atrás e enumera: "Fixemos máis de 2.000 concertos en máis de 50 países e considerámosnos un dos grupos que máis trascendeu fóra das nosas fronteiras".
DE XERACIÓN EN XERACIÓN
Cal é a receita para conseguir 37 anos de traxectoria? "A tenacidade, facer as cousas cunha coherencia estable ao longo deste tempo e non parar desde que comezamos no ano 1986. Fomos manténdonos no tempo con altos e baixos e unha carreira ascendente. Estamos agora conmemorando tantos anos con este traballo número vinte e xa pensando no vixésimo primeiro que virá a finais do 2024 ou comezos do 2025".
Na receita o ingrediente estrela é o público que "mantén vivo un proxecto tan custoso ao ser unha banda numerosa, de máis de 12 persoas". Bieito define ao público de Luar Na Lubre como "fiel e variado, con xente moi nova, ata un termo medio e xente maior". Comenta que o que máis lle gusta da súa música e poder tocar tanto en teatros como en festivais e "percibir de preto a calidade da xente que vén". Un grupo que traspasa xeracións: "É bonito ver veñen familias enteiras, desde os avós ata os meniños nos coches de bebés. Isto é unha enerxía importante para nós e que outorga a posibilidade de ter futuro".
UNHA ENCRUCILLADA
Cando lle pedimos que viaxe atrás no tempo para revivir lembranzas recoñece que hai moitísimas en tantos anos, tantos concertos e tantos traballos. "Hai cousas que quedan gravadas para sempre, como a primeira vez que tocamos en Xerusalén, foi impactante tocar nunhas en ruinas arqueolóxicas e ver como coñecían e cantaban a nosa música no concerto. Ou en Santa Cristina no concerto con Mike Oldfield e The Corrs no 1999, onde xuntaron máis de 150.000 persoas, din que foi o concerto máis multitudinario que se deu en Galicia en todos os tempos. Tamén, a primeira vez que fomos a Arxentina no 2001 enchemos o Teatro Coliseo e había moitos galegos e moita morriña ao sentir a música galega tan de preto.
Como será o concerto no Teatro Colón nunha palabra? "Será unha encrucillada, esa é a palabra que dá título ao traballo. Arredor da encrucillada será unha noite memorable. Esta palabra ten un significado cheo de sentido porque é onde se atopan dous ou varios camiños, lugar de cruce ou encontro onde nos atoparemos co noso público, con xente que admiramos, onde nos atoparemos a nós mesmos, á cidade que nos viu nacer... Haberá unha encrucillada memorable na noite do 26 de xaneiro, se non hai novidade, no Teatro Colón, que é unha caixa de música maxistral".
Actuación de Luar na Lubre nun dos seus concertos. CONCELLO DE LEÓN¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- O Morriña Fest volverá á Coruña os días 25 e 26 de xullo
- Recta final espectacular do 'XIV Outono Códax Festival'
- Korn, nova confirmación para o Resurrection Fest 2025
- Manuel Rivas: "Estamos en risco pola unión de poder político, mediático, económico e armamentístico"
- López Campos destaca o exemplo inclusivo da Romaría Internacional na presentación dun libro sobre este encontro
- Prensentan a programación completa do Culturgal con máis de 200 actividades representativas da cultura galega