Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 17/01/2024 | Actualizada ás 15:59
A Fiscalía Provincial de Ourense arquivou as dilixencias de investigación penal tramitadas tras unha denuncia do PSOE contra o alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana), pola presunta comisión dun delito de prevaricación administrativa polas obras de humanización da Rúa Concordia, na que se instalou unha rampla mecánica.
O decreto de arquivo, do que informou a Fiscalía e que está asinado pola fiscal delegada de Medio Ambiente e Urbanismo, Carmen Eiró, sinala que tras a análise do procedemento non se pode soster que o acusado tratase de impor a súa "caprichosa ou arbitraria vontade en prexuízo do interese público".
Fronte a iso, sinala que "a suposta contradición co dereito que pode supor a non tramitación do proxecto de modificado cando se detectou a súa necesidade e non a posteriori, é unha irregularidade perfectamente subsanable na vía administrativa correspondente". Ademais, indica que se observa "o procedemento legalmente establecido" na tramitación dos múltiples expedientes que obran na causa. Por todo iso, a fiscal apunta ao sobresemento provisional e arquivo das actuacións, das que remite copia ao denunciante.
JÁCOME CELEBRA O ARQUIVO DA "ENÉSIMA" DENUNCIA
Tras coñecerse a decisión da Fiscalía, o alcalde sostivo que se trata da "enésima denuncia sen base da oposición", neste caso, "liderada polo PSOE". Jácome cualificou esta denuncia como "unha rabieta ao ver que se facía unha obra beneficiosa, como son as ramplas de Concordia". "Buscaban onde non hai nada e facían unha denuncia na Fiscalía para manchar antes das eleccións", dixo para subliñar que se demostrou que as acusacións "non teñen base" e que "fan unha oposición horrenda" que "o único que busca é frear o progreso de Ourense".
"Bastante en evidencia quedan cando lles damos zascas nos plenos, pero agora teñen tamén un zasca dos feitos reais, neste caso da xustiza", dixo Jácome, que considera que o PSOE "volve ser a nivel municipal un auténtico desastre, como demostran todas as súas erradas accións".
CESAMENTO DA TESOUREIRA MUNICIPAL
O PP de Ourense acusou ao rexedor ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, de pretender "tapar a súa mala xestión, sobre todo a nivel económico" co cesamento da tesoureira municipal, sobre o que pide que achegue "toda os documentos" do expediente aberto. Nun comunicado, os populares ourensáns saíron ao paso da destitución, do cesamento da tesoureira municipal, que consideran un novo episodio do "ataque sistemático aos funcionarios" por parte do goberno de Democracia Ourensana.
Demandan ao goberno local que ofreza os documentos sobre o expediente, xa que afirman que existe un ditame da Dirección Xeral de Estabilidade Orzamentaria que "é desfavorable" á destitución da tesoureira tal e como o pretende Jácome. Así, defenden que a empregada pública "cumpriu coa normativa" e as súas actuacións "axústanse á normativa vixente", polo que entenden que "o único que ten que cesar" é Pérez Jácome "na vulneración dos dereitos dos traballadores, nas faltas de respecto e no acoso por exercer as súas funcións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.