Morre un condutor de 34 anos nun choque frontal en Frades

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 24/01/2024 | Actualizada ás 09:51

Comparte esta noticia

Un home, D.B.L. de 34 anos de idade, faleceu na noite deste pasado martes tras sufrir unha colisión frontal con outro coche no municipio coruñés de Frades, segundo informa Emerxencias 112 de Galicia.

Os feitos ocorreron sobre as 21.45 horas e foi a Garda Civil de Tráfico a que alertou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias que, á súa vez, fora avisada por un particular. Esta persoa explicaba que dous coches impactaran frontalmente na AC-524, ao seu paso pola parroquia de Abellá.

O mesmo home chamou máis tarde ao 112, indicando que a situación era grave e que un dos implicados podería estar falecido. Ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos de Bombeiros de Ordes, que interviñeron para excarcerar aos dous condutores, un deles xa sen vida. Así mesmo, acudiu persoal de urxencias sanitarias de Galicia 061, a Garda Civil de Tráfico e o servizo de mantemento da estrada. Os profesionais só puideron confirmar a morte do home de 34 anos de idade.

A outra condutora implicada, M.I.S.R. de 45 anos, foi trasladada ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

Coche da Garda Civil de tráfico xunto a un camión
Coche da Garda Civil de tráfico xunto a un camión | Fonte: Garda Civil

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta