Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2024 | Actualizada ás 13:54
O Partido Popular podería perder a súa maioría absoluta nas próximas eleccións do 18 de febreiro, nas que alcanzaría un intervalo de 36 a 38 escanos, segundo a enquisa preelectoral realizada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). O BNG sería a segunda forza co 29,3 % (20-23 escanos), mentres que o PSdeG quedaría en terceira posición co 20,4% e podería ter de 17 a 18 escanos.
Ademais, conforme aos datos do CIS, Sumar podería quedar fóra do Parlamento galego, cun 3,5 % dos votos e entre 0 a 2 escanos. Podemos e Vox quedarían sen representación parlamentaria e si podería obter un escano Democracia Ourensana pola provincia de Ourense. En canto aos líderes, a candidata do BNG, cun 5,77 de media, é a máis valorada; seguida do popular Alfonso Rueda, cun 5,39. Por detrás sitúase o socialista José Ramón Gómez Besteiro, cun 4,84.
INDECISOS
O estudo apunta que o 13,4 % dos consultados aínda non sabe a que formación votará o próximo 18 de febreiro e detalla que o 20,2 % dos enquisados decide a que partido ou coalición vai votar a última semana de campaña. Deles un 5,1 % decídeo o mesmo día das eleccións. Pola súa banda, un 56,4 % xa o ten decidido moito antes do arranque da campaña. A enquisa foi realizada entre o 8 e o 22 de xaneiro, cunha mostra de 11.011 entrevistas repartidas nas catro provincias galegas
RESULTADOS POR PROVINCIAS
Por provincias, na Coruña, o PP lograría de 12 a 13 escanos, o BNG de sete a oito, o PSOE de cinco a seis e Sumar podería sacar un escano. Na provincia de Lugo, o CIS sinala que o PP obtería de oito a nove escanos, o BNG tres e o PSOE outro tres. En canto á provincia de Ourense, o PP tamén sería primeira forza, con sete escanos; o BNG lograría de entre tres e catro e o PSOE quedaría con dous. Ademais, por esta provincia, o CIS sinala que Democracia Ourensana, o partido do alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Jácome, podería obter un deputado. Por último, en Pontevedra, os populares faríanse con nove escanos, o BNG lograría entre sete e oito, o PSOE cinco ou seis e Sumar podería entrar cun deputado na Cámara galega.
PONTÓN, A MELLOR VALORADA
En canto aos líderes, a candidata do BNG Ana Pontón, cun 5,77 de media, é a máis valorada; seguida do popular Alfonso Rueda, cun 5,39. Por detrás sitúase o socialista José Ramón Gómez Besteiro, cun 4,84. A aspirante de Sumar, Marta Lois, obtén un 4,09; mentres que a de Podemos, Isabel Faraldo, alcanza un 3,37. Pola súa banda, a cabeza de lista de Democracia Ourensana, Armando Ojea, faise cun 3,17 e o menos valorado é o candidato de Vox, Álvaro Díaz-Mella, cun 2,7.
En canto a quen prefiren os galegos como presidente do goberno de España nestes momentos, o 36,9 % elixe ao popular Alberto Núñez Feijóo, e un 30% opta polo socialista Pedro Sánchez. Ademais, un 11,8 % decántase por Yolanda Díaz e un 2,8 % polo dirixente de Vox, Santiago Abascal.
PRINCIPAIS PROBLEMAS E SITUACIÓN ECONÓMICA
Para as persoas entrevistadas, os principais problemas que atravesa a Comunidade galega son o paro (13,8 %), xunto á sanidade (10,3 %), a crise económica e os problemas económicos (8,2 %) e o goberno da Xunta (5,5 %). Con todo, un 43,5 % dos entrevistados cre que a situación económica actual en Galicia é "moi boa ou boa", mentres que un 39,9 % asegura que é "mala ou moi mala" e un 14,2 % defínea como "regular".
Ademais, comparado con fai catro anos, o 16 % dos galegos afirma que é "moito mellor", un 32,2 % que é "peor ou moito peor", e un 50 % asegura que está igual. O 69,9 % dos galegos asegura que votará o 18 de febreiro pensando "nos temas propios de Galicia", e un 20,3 % farao pensando "nos temas xerais de España".
XESTIÓN DA XUNTA
Sobre a xestión realizada polo Partido Popular nos últimos catro anos, un 46,1 % dos galegos sostén que foi "mala ou moi mala", un 45,5 que foi "boa ou moi boa", e un 7,1 % di que regular.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.