Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2024 | Actualizada ás 20:42
Representantes de PPdeG, BNG, PSdeG, Podemos e Sumar, formacións convidadas a participar o luns 5 de febreiro no debate que organiza a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), reuníronse na tarde deste venres na sede do ente público en San Marcos para abordar os detalles da que, por agora, é a única contenda entre candidatos que haberá de cara ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro.
Será a partir das 21.30 horas e o candidato do PPdeG á reelección como presidente da Xunta, Alfonso Rueda, será o encargado tanto de abrir como de pechar un debate que manterá os tres bloques temáticos dos que informou a propia CRTVG o luns, sen variación. En concreto, serán os seguintes: un primeiro sobre políticas económicas e orzamentarias, no que se falará principalmente de emprego, industria e transición ecolóxica; un segundo sobre políticas sociais e financiamento do benestar, que inclúe educación, sanidade, igualdade e lingua; e un terceiro de modelo institucional para falar de pactos, gobernabilidade e a voz de Galicia no Estado.
O debate non terá minuto inicial, senón que arrincará directamente no primeiro bloque coa intervención de Rueda. Foron as tres formacións con representación no Parlamento (PPdeG, BNG e PSdeG) as que escolleron, por orde de maior a menor representación, que bloques queren abrir e pechar. O mesmo criterio, sen sorteos, seguiuse para escoller o atril que ocupará cada candidato.
Non entanto, a orde do minuto final ou 'de ouro' está fixado de menor a maior: Isabel Faraldo (Podemos), Marta Lois (Sumar), José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), Ana Pontón (BNG) e Alfonso Rueda (PPdeG). Fontes dos grupos da oposición consultadas por Europa Press transmitiron as súas queixas por esta reunión que foi "decepcionante" e "de trámite", xa que "non se puido negociar nada".
Polo momento, este debate a cinco na Televisión de Galicia é o único que hai pechado entre os candidatos. Radiotelevisión Española (RTVE) entregou este venres o seu plan de cobertura do 18F, que mantén a súa oferta de debate a tres entre as forzas parlamentarias, ao que por agora só Pontón e Besteiro confirmaron a súa asistencia.
RECURSO DE VOX
Este mesmo venres, Vox presentou o seu recurso ante a Xunta Electoral Central contra o plan de cobertura do 18F presentado pola CRTVG, solicitando que se lle considere tanto para o debate como para os bloques informativos nas mesmas condicións que a Podemos e Sumar. Os seus principais argumentos legais, segundo o escrito ao que tivo acceso Europa Press, é que sofren un "trato diferenciador e excluínte" que vulnera a igualdade de trato e o pluralismo político establecidos na Constitución e na Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeneral.
Explica Vox que Sumar e Podemos, si contemplados no plan de cobertura, tampouco contan con representación no Parlamento galego. Estas dúas coalicións, con todo, si ostentan a condición de "grupo político significativo" por superar o 5 % nas eleccións xerais de xullo de 2023, mentres que Vox quedou no 4,7 %.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.