Por Europa Press / Redacción | VIGO | 31/01/2024 | Actualizada ás 15:42
O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia oferta preto de 130 prazas para realizar visitas guiadas aos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada esta primavera. No marco do programa 'Descubrindo o Parque Nacional', o Executivo galego ofrece sete rutas con temática histórica e ambiental durante febreiro, marzo e abril.
O obxectivo é dar a coñecer os principais valores e singularidades dese espazo natural protexido nunha época do ano diferente ao verán. Segundo informou a Xunta, as rutas teñen guía gratis para os participantes e desenvolveranse en grupos reducidos para ofrecer unha mellor calidade da visita aos espazos protexidos.
Ademais, para garantir a participación do maior número de persoas interesadas, limitarase a inscrición a unha actividade por persoa e habilitarán unha lista de espera para cubrir posibles baixas. Os interesados en participar no programa deberán reservar a súa praza no apartado da Illas Atlánticas da central en liña do Organismo Autónomo de Parques Nacionais ou directamente nas oficinas do Parque Nacional galego, no edificio Cambón de Vigo.
As inscricións poderanse realizar desde este xoves e o último día para anotarse a cada unha das rutas serán catro xornadas antes da realización da mesma. En canto ao transporte ás illas, realizarase mediante as diferentes embarcacións que o ofrecen, en función da illa a visitar e o custo deberá ser sufragado polos participantes. O importe terano que abonar á empresa de transporte con anticipación, unha vez o parque o envíe un correo electrónico cos datos de pago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.