Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 08/02/2024 | Actualizada ás 22:25
Moito se di que os mozos adoitan ser máis progresistas que os vellos. Tamén que en Galicia todos os maiores son votantes aférrimos do PP. E que coa idade o partido político ao que se apoia tamén vai cambiando. De feito, ata os propios partidos, á hora de elaborar os seus programas electorais, teñen en conta esta variable na organización dos eventos e das propostar que lanzan en cada concello ao que van. Entón, será certo iso de que a idade inflúe na cor política? Dende Galicia Confidencial quixemos comprobalo e por iso, partindo dos datos de poboación por municipio aportados polo Instituto Galego de Estadística (IGE) no 2022, comprobamos cal foi a forza máis votada nos pasados comicios autonómicos do ano 2020 nos 16 concellos galegos que baixan da idade media galega (nos 48,01 anos) e nos 18 municipios onde hai máis maiores de 65 anos (todos eles, agás un, na provincia de Ourense).
Comecemos polos máis novos. Son: Ames, Salceda de Caselas, O Porriño, Oroso, Ponteareas, Arteixo, Soutomaior, Culleredo, Pontecesures, Gondomar, Barbadás, Poio, Oleiros, Burela, Mos e Tui. A quen votaron no 2020 os concellos máis mozos de Galicia? Pois a resposta máis curta e sinxela está clara ao mirar os datos: todos eles elixiron como forza máis votada ao PP, é dicir, a maior parte dos seus habitantes elixiron a Feijóo para gobernar a Xunta de Galicia; agás un: Soutomaior, que se decantou polo BNG. Como segunda forza, todos escolleron ao BNG, agás Soutomaior, que ao situalo de primeiro deixou como segundo ao PP; e Gondomar e Mos, que apoiaron máis ao PSOE. Finalmente, o PSdeG foi a terceira forza máis apoiada en practicamente todos os municipios mozos, agás en Gondomar e Mos, evidentemente, onde quedou relegado a este lugar o BNG.
Agora ben, a canta diferencia quedou o PP das demais forzas en cada un destes concellos no 2020? En Ames, houbo un total de 6.373 persoas que votaron ao PP, fronte ás 4.070 que votaron ao BNG e as 2.117 que o fixeron ao PSdeG (o PP acumulou máis votos que a suma das outras dúas forzas). No caso de Salceda de Caselas, o PP sacou 2.027 votos, o BNG 1.056 e o PSOE 754 (tampouco a suma dos votos de BNG e PSdeG supera aos acadados polo PP). No Porriño, o PP obtivo 3.803 votos, o BNG 2.362 e o PSdeG 1.763 (neste caso si que o PP non logrou acumular máis votos que os dous partidos da esquerda xuntos). En Oroso, o PP acadou 1.849 votos, o BNG 937 e o PSdeG 556 (unha vez máis foi a maioría absoluta para o Partido Popular). En Ponteareas, a circunstancia cambia: o PP sacara 4.019 votos, o BNG 3.003 e o PSdeG 2.322 (BNG e PSdeG sumarían máis votos que a dereita). En Arteixo, o PP foi votado por 5.865 persoas, o BNG por 3.178 e o PSdeG por 2.130 (o PP ten a maioría, quedándose uns votos por enriba das forzas da esquerda).
Pasando a Soutomaior, onde foi o BNG de Ana Pontón o que conseguiu o maior apoio por parte dos seus veciños, este logrou 1.541 votos, e estivo a piques de non ser a forza máis votada, pois o PP conseguira 1.381 votos e, pola súa banda, o PSdeG, quedouse con 406. Volvendo aos concellos votantes do PP na súa maioría, Culleredo deu 5.414 votos ao PP, 3.563 ao BNG e 2.840 ao PSdeG (é dicir, sumando os votos de BNG e PSdeG supéranse os acadados polo PPdeG). En Pontecesures, o PP obtivo 734 votos, fronte aos 373 do BNG e aos 226 do PSdeG (a suma das esquerdas non chega á maioría acadada polo PP). En Gondomar, o PP sacou 3.110 votos, o PSdeG 1.567 e o BNG 1.373 (sumando votos de PSdeG e BNG non chegan aos do PP). En Barbadás, o PP chegou aos 2.234 votos, o BNG aos 1.142 e o PSdeG aos 960 (a suma das esquerdas non acada á dereita).
Xa no concello de Poio, o PP sacou 4.034 votos, o BNG 1.680 e o PSOE 1.336 (entre os dous partidos de esquerda non se chega á maioría que obtivo o PPdeG). En Oleiros houbo 8.583 votantes do PP, por 3.962 do BNG e 2.691 do PSdeG (o PP neste concello quédase moi por enriba das outras dúas forzas). En Burela o PP conseguiu 1.608 votos, o BNG 1.250 e o PSdeG 510 (neste caso a suma de BNG e PSdeG si supera os votos acadados polo PP). En Mos o PP sacou 3.285 votos, o PSdeG 1.914 e o BNG 1.886 (tamén neste caso sumar os votos da esquerda dá como resultado máis votos que os que acadou a dereita). E, finalmente, no concello de Tui, o PP obtivo 3.920 votos, fronte aos 2.052 do BNG e aos 1.444 do PSdeG (sumando a esquerdas non se chega aos votos do PP).
EN AVIÓN E BEARIZ O PP SACOU 16 VECES MÁIS VOTOS QUE O PSDEG
Polo que respecta aos concellos con poboación máis envellecida, onde podería pensarse directamente que a maior forza máis votada foi o PP, realmente o foi? O primeiro é saber cales son as localidades con máis poboación maior de 65 anos: Lobeira, Parada de Sil, San Xoán de Río, O Bolo, Chandrexa de Queixa, Calvos de Randín, Avión, Vilardevós, Gomesende, Beariz, A Peroxa, O Irixo, Melón, Navia de Suarna, Porqueira, Larouco, Bande e Muíños. A sorpresa está en que non todos eles escolleron no 2020 como primeira forza ao PP. Houbo dous, Parada de Sil e Calvos de Randín, onde a maioría da poboación elixiu ao PSdeG de Gonzalo Caballero, deixando ao PP en segundo lugar. E se este dato xa chama poderosamente a atención, máis aínda o fai o feito de que o BNG non foi a segunda forza máis votada en case ningún destes concellos (a pesar de selo nos da maioría de Galicia e tamén a nivel xeral). Só Beariz e Porqueira apostaron en segundo lugar polo BNG de Pontón, mentres que todos os demais situaron ao PSdeG no segundo posto. Aquí si pode verse o conservadurismo da poboación destes lugares.
Igual que analizamos no caso dos concellos máis mozos, canta distancia sacou o PP con respecto, en case todos os casos, ao PSdeG? En Lobeira o PP sacou 295 votos, fronte aos 80 do PSdeG e aos 49 do BNG. En Parada de Sil, onde o PSOE obtivo 130 votos, o PP non se quedou tan lonxe, con 120, e o BNG obtivo 34. En San Xoán de Río, o PP sacou 144 votos, o PSdeG 47 e o BNG 38. No Bolo, o PP chegou aos 307, o PSdeG aos 50 e o BNG aos 42. En Chandrexa de Queixa, o PP sacou 236 votos, o PSdeG 45 e o BNG 31. En Calvos de Randín, onde o PSOE foi elixida como primeira forza, este conseguiu 208 votos, fronte aos 171 do PP e aos só 41 do BNG. En Vilardevós o PP chegou aos 583 votos, o PSdeG aos 361 e o BNG aos 164. En Gomesende, o PP sacou 295 votos, o PSdeG 63 e o BNG 19. En Melón, o PP chegou aos 356 votos, o PSdeG aos 188 e o BNG quedou en 81. En Navia de Suarna o PP sacou 298 votos, o PSdeG 151 e o BNG 75. En Porqueira, foron 408 votos para o PP, 66 para o BNG e 58 para o PSdeG. En Larouco, o PP obtivo 149 votos, o PSdeG 49 e o BNG 25.
E se neses concellos a diferenza de votos obtida pola dereita con respecto ás esquerdas polo resultar sorprendente, hai algúns nos que esa diferenza é tan grande que mesmo resulta alarmante. No caso do municipio de Avión, o PP sacou 691 votos, multiplicando case por 16 os 44 obtidos polo PSdeG, co BNG quedándose en só 29 votos. En Beariz, o PP sacou 457 votos, fronte aos unicamente 29 do BNG e aos 26 do PSdeG (tamén 16 veces máis). Na Peroxa, sacou o PP 757 votos, o PSdeG quedouse en 177 e o BNG en 119. No Irixo, o PP obtivo 611 votos, o PSdeG 87 e o BNG 80. En Bande, o PP sacou 661 votos, o PSdeG 156 e o BNG 94. E en Muíños, o PP chegou aos 792 votos, o PSdeG quedou en 160 e o BNG en 78.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.