AFC, a nova asociación autoxestionada que pretende organizar concertos rupturistas en Compostela

Busca ampliar a oferta de ocio da cidade con propostas musicais á marxe dos grandes circuítos de eventos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/02/2024 | Actualizada ás 20:10

Comparte esta noticia

 “Amigxs que fan cousas”. Quedade con este nome se sodes da comarca de Santiago. O vindeiro 17 de febreiro, en plena xornada de reflexión polas eleccións, un ecléctico grupo de santiagueses presentará a súa nova proposta para espreguizar a vida cultural da cidade. Fanse chamar AFC que como eles mesmos din "é un acrónimo mutante que ás veces significa 'Amigxs que fan cousas', e outras semella responder a un lema distinto". Este novo colectivo ten a intención de afogueirar o underground da capital de Galicia organizando concertos rupturistas, diferentes e estimulantes de forma totalmente autoxestionada. 

Cartaz do primeiro concerto de AFC, unha asociación autoxestionada que busca ampliar a oferta de ocio da cidade con propostas musicais rupturistas
Cartaz do primeiro concerto de AFC, unha asociación autoxestionada que busca ampliar a oferta de ocio da cidade con propostas musicais rupturistas

AFC está composto por un grupo humano sumamente heteroxéneo. Nel atópanse dende persoas vencelladas ao mundo cultural como á arquitectura, á medicina ou ao xornalismo.  “A entrada dos nosos eventos está destinada a pagar aos artistas e cubrir gastos, nada máis”, aseguran. Aínda que teñen como referentes outras asociacións culturais galegas –caso do Liceo Mutante en Pontevedra ou de Acéfala na Coruña–, eles non contan cunha sede fixa e irán cambiando de espazo segundo o contexto. 

Para o seu primeiro evento, AFC acolle un concerto de Breogán Xague e Pantis. Ambos teñen certas cousas en común: son proxectos musicais unipersonais de artistas galegos que veñen de facer as súas últimas composicións na diáspora. No caso do vigués Breogán Xague, estivo un tempo emigrado en Suecia, mentres que Rubén Domínguez (músico natural do Grove que se agocha detrás de Pantis, con experiencia en bandas como Metralletas Lecheras, Telephones Rouges ou Chicharrón) vive dende hai anos en Madrid. Música galega reencontrada na véspera dun día fundamental para o país. 

Breogán Xague é autor dos discos 'Breve Noctuario Galego', 'Xague1' e 'Xague2', este último de aparición en abril do 2023. Pantis, por outra banda, atópase utilimando o seu novo LP, ‘Memoria Nova’, editado por Prenom. O concerto do Don Bosco estará precedido por un pregón festivo da xornalista cultural Xiana Arias e un bingo musical. 

Aseguran, tamén, estar abertos a todo tipo de propostas e animan aos composteláns a que lles acheguen suxerencias de concertos e actividades polas súas redes sociais (@afcistas en Instagram) ou por correo electrónico (afcistas@gmail.com). 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta