Yeimy Marte fai perrucas oncolóxicas: "É tan emocionante cando se ven co seu novo pelo e lles cambia a cara"

A súa nai atravesou cinco cancros e ela busca contribuír deste xeito con esta causa.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 06/02/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Existen moitas formas de contribuír na loita contra o cancro e poñer un gran de area. Este é o caso de Yeimy Marte, especialista en extensións no seu negocio 'Rapunzel, La Casa del Pelo' onde realiza perrucas oncolóxicas. Desde fai un tempo colabora co banco de perrucas da asociación Somos Unidos por el Cáncer, que na actualidade xa conta con 24 unidades para prestar de xeito altruísta e xa non recolle donacións. 

Yeimy coas súas perrucas
Yeimy coas súas perrucas | Fonte: Yeimy Marte

En que consiste o traballo de Yeimy? "O que facemos é crear, a partir do pelo donado para a asociación, unha perruca ou prótese capilar sen coste ningún para quen a necesite. Poñemos a man de obra necesaria para a fabricación e axudamos a que esas persoas ás que se lles detecta un cancro que lles cambia a vida, poidan sentirse mellor cun pelo natural e personalizado", explica. Fai fincapé en que máis aló desta colaboración coa asociación, ela dedícase á creación de perrucas e se unha persoa, aínda sen relación con ningunha asociación, atravesa un tratamento oncolóxico, estará encantada de buscar á mellor opción e "a un prezo moi económico". 

Incide na importancia da personalización e de que a muller se sinta cómoda e segura. As perrúcas realízanse con "pelo 100% natural" segundo nos explica: "É pelo cortado a outras persoas, que pasa por un proceso químico de limpeza e por productos concretos. Fabrico perrucas con pelo adquirido en diferentes países India, Perú, Brasil, Suíza, Alemania... Merco o cabelo de diferentes lugares para personalizar ao máximo tendo o conta parámetros como a textura do cabelo". Antes de entregar, a clienta leva o pelo un día posto para probar como se encontra e Yeimy realiza un seguimento para que se sinta o máis cómoda posible. 

A PRIMEIRA PERRUCA QUE FIXO FOI PARA A SÚA NAI

Yeimy sabe o que significa esta enfermidade porque a súa nai chegou a padecer ata cinco cancros e por iso busca axudar co seu labor. "Cando a miña nai lle detectaron o cancro, ela precisaba unha prótese porque vivín a súa dor", conta. Nese momento comezou a realizar a primeira perruca para ela, pero recibiu a chamada de urxencia dunha rapaza que precisaba unha con moita urxencia. "Púxenme mans á obra porque sabía o moito que a necesitaba e en dous días remateina coa axuda do meu marido. A miña nai non tivo que levar esa perruca que eu fixera porque, por sorte, non lle chegou a caer o pelo".

Que sentes cando unha persoa se ve con ese novo pelo? "Quédome sen palabras porque moitas choran ao momento e eu só penso en darlles unha aperta, e tan emocionante cando aprecias como lles cambia a cara ao verse ben nese momentos tan duros". Para Yeimy o que fai vai máis aló dun traballo, "é un sentimento" e dedica tempo a crear un "novo pelo" que sexa fiel ao que se foi. "É primordial que sexa unha malla transpirable para que se idetinfique máis co que era o propio coiro capilar e non sexa algo que semelle posto. Temos en conta a tonalidade, lonxitude, peiteado...", expresa. 

E como se coidan estas perrucas para garantir o seu mantemento? Expón que se lavan cada 20 ou 25 días e que ela mesma envía un vídeo cun tutorial para que poidan tratalas desde a casa tanto lavado como peiteado. "A idea é non ser escrava dunha perruquería, senón que se poida facer de xeito individual na casa e que servirá de distración e para que sentirse realizada. Recomendable tamén un champú e máscara hidratante sen sal para manter a cor, o brillo e que a cutícula non se abra", explica e engade que no caso de non levala posta o idóneo é ter un soporte, que hoxe en día é moi económico, para manter a forma da cabeza. 

Para concluír indica que para realizar donacións precísanse uns 30 centímetros e que se corte en coletas. Tamén comenta que maioritariamente as perrucas son para as mulleres, xa que son poucos os homes que demandan esta opción e se fan é "para verse máis novos e unha cuestión de autoestima". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta