O sector eólico defende a "legalidade" dos seus proxectos tras iniciar a Fiscalía investigacións

A Fiscalía investiga se persoas vinculadas co sector eólico realizaron os plans de impacto ambiental. A Xunta xustifica que os funcionarios traballan, as veces, con PDFs das propias empresas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2024 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

A Asociación Eólica de Galicia defendeu que o procedemento de proxectos en Galicia "é absolutamente garantista e legalista" e que as tramitacións ambientais realízanse "da mesma forma" desde hai 25 anos "e nunca houbo problemas".

Así o recolle un comunicado emitido este mércores, dous días despois de coñecerse que Fiscalía investiga se informes de declaracións de impacto ambiental relativos a parques eólicos en Galicia foron elaborados, nalgún caso, por persoas vinculadas ás empresas promotoras dos citados parques.

"O procedemento que se segue en Galicia é absolutamente garantista e legalista. Levamos vinte e cinco anos facendo as tramitacións ambientais da mesma forma e nunca houbo problemas, e facémolas exactamente igual que no resto das autonomías, non somos diferentes", sinala a asociación que representa a promotoras de proxectos eólicos en Galicia.

Na nota, defenden que "a certeza e seguridade xurídica son indispensables para que os promotores eólicos e os investimentos industriais sigan apostando por Galicia", xa que as empresas "só se instalan onde se produce enerxía barata". Sosteñen que o impulso á enerxía eólica en Galicia está "completamente paralizada desde hai anos" porque "70 proxectos de aeroxeradores, que supoñen ao redor de 3.000 MW de potencia, están afectados pola súa judicialización".

Engaden que os promotores esperan "a que o Tribunal Superior de Galicia se pronuncie sobre todos os recursos, tendo en conta que o Tribunal Supremo anulou a sentenza do Superior galego no caso de Corme, validando a tramitación ambiental executada polos funcionarios da Administración galega".

INVESTIGACIÓN DE FISCALÍA

A investigación de Fiscalía comezou tras unha denuncia do Sindicato Labrego Galego (SLG) en relación á tramitación dos parques eólicos, ao redor de 120, e en relación á autoría das declaracións de impacto ambiental realizadas a finais de 2022 e principios de 2023.

Fontes do SLG explicaron a Europa Press que analizaron "moitas" delas e comprobaron, nalgúns casos, ao mirar os metadatos, que aparecían "persoas de referencia das empresas que promovían eses parques" en documentos que si estaban asinados polo funcionario público correspondente.

En concreto, aseguraron que en dous deles comprobaron que aparecían persoas vinculadas coas empresas promotoras dos parques, o de Serra da Piñeira e o de Banzas. "Chegamos a sospeitar que estas avaliacións partisen das propias empresas", indicaron sobre a posible autoría e ao asegurar que non descartaron outros casos e que iso motivou a denuncia.

VERSIÓN DA XUNTA

"Noutros casos, os metadatos fannos sospeitar pero non son tan evidentes", aclararon desde o Sindicato Labrego Galego en contraposición coa postura da Xunta que, consultada tamén por Europa Press, asegura que as declaracións de impacto ambiental (DIA) "son elaboradas sempre por técnicos da Xunta de Galicia". "Xa achegamos á Fiscalía as aclaracións que nos pediu e imos seguir colaborando en todo o que nos solicite para deixar claro que se cumpre a lei en todo o procedemento".

Ademais, precisa que as DIA "redáctanse tomando como base outros documentos elaborados previamente, entre os que se atopan informes presentados prol o promotor en formato PDF, que forman parte do expediente e que teñen que incluírse na declaración de impacto ambiental".

"Na práctica, pode producirse a transferencia de metadatos, datos adicionais que non están á vista e que aparecern ao acceder ás propiedades, duns documentos aos outros", di a Consellería de Medio Ambiente.

Aeroxeradores no parque eólico de Serra do Larouco / Europa Press / Europa Press
Aeroxeradores no parque eólico de Serra do Larouco / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta