Por Galicia Confidencial | Vigo | 08/02/2024 | Actualizada ás 21:35
José Ramón Besteiro chega a esta cita literal con moita desvantaxe e cun partido socialista que ata hai uns meses era un saco de problemas. Tras sete anos apartado do foco mediático, o candidato socialista á Presidencia da Xunta, regresou a primeira liña política en marzo de 2023 ao ser nomeado polo líder do PSOE, Pedro Sánchez, como novo delegado do Goberno en Galicia.
Besteiro puxo deste xeito fin a sete anos de silencio público tras verse obrigado a dar un paso á beira e dimitir como secretario xeral do PSdeG --cargo que ostentou entre 2013 e 2016--, ao ser investigado pola xuíza Pilar de Lara en relación a varios delitos. Todos eles quedarían arquivados e a xuíza apartada do Xulgado número uno de Lugo por dilacións indebidas.
Besteiro quixo recuperar, desde entón, o tempo perdido pero menos dun ano de carreira política non lle chegou a moito a pesar das distintas competencias e nomeamentos que foi acumulando xa que ao pouco de ser nomeado delegado do Goberno deixaba o cargo para ir a Madrid como deputado. En outubro era designado como o aspirante socialista á Xunta logo de anos convulsos dentro do PSdeG con enfrontamentos abertos entre un sector dirixido polo anterior candidato, Gonzalo Caballero, e a dirección socialista de Valentín Gonzaĺez Formoso.
MENOS NOTA PERO MÁIS COÑECIDO
E, estas leas internas, sumadas a mala prensa que quen o PSOE de Sánchez polo acordo cos independentistas fan que Besteiro sexa, dos tres principais candidatos, o que máis difícil o ten nesta carreira electoral. E así o apuntan os datos da enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas que sinala que parte tamén con peores previsións que o seu predecesor, Gonzalo Caballero.
Mentres que nestes comicios agárdase que os socialistas poidan acadar entre 15 e 17 escanos; Caballero partía dunha previsión de entre 16 e 18 (aínda que finalmente só sacou 14, en detrimento dos que foron para o BNG). No 2016 tamén sacaran 14 escanos (fronte ás predicións de 16) con Xoaquín Fernández Leiceaga. Lonxe estaban, con todo, dos 18 escanos que lograra o PSdeG de Pachi Vázquez no 2012; e dos 25 do de Touriño no 2009.
Ademais, no que respecta á valoración da poboación galega, Besteiro parte dun 4,84 de nota, máis lonxe do aprobado que o 4,9 conseguido nos pasados comicios por Gonzalo Caballero. Iso si, está por diante do 4,29 que sacara Leiceaga e do 3,64 que sacara Pachi Vázquez. Pero moi por detrás do 5,33 de Touriño. Iso si, Besteiro é coñecido polo 86,1 % da poboación galega, e Caballero érao polo 83 %, e Leiceaga só polo 48,4 %. Mentres, Pachi Vázquez era coñecido polo 93 % dos galegos e Touriño polo 93 %.
E sobre a valoración do traballo na oposición, o CIS recolle eses problemas internos que os socialistas viviron durante estes anos. Así, fronte ao 36,3 % que aproba á Xunta, só un 24,9% di que a oposición dos socialistas foi boa, fronte a un 39,4 que a considerou mala.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.