Varias ANPAs denuncian un "progresivo desmantelamento" da comunicación entre familias e centros por parte da Xunta

A Xunta sostén que se "detectou un uso irregular" da 'app' de comunicación Tokapp, polo que "está a ser revisada".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2024 | Actualizada ás 20:26

Comparte esta noticia

Varias Asociacións de Nais e Pais (ANPA) das escolas infantís Galiñas Azuis, dependentes do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar (Consellería de Política Social), denuncian o "progresivo desmantelamento" do servizo por parte da Xunta que inclúe "inactivar" na última semana a aplicación Tokapp, empregada para a comunicación entre as familias e os centros.

Nun comunicado --asinado por sete ANPA de Galiñas Azuis de Vigo, A Coruña, Santiago e Mos--, estes pais e nais alertan do "progresivo desmonte do sistema por parte do Consorcio", que entre as súas últimas medidas busca "desconectar" aos educadores e familias.

E é que denuncian que recentemente o Consorcio fixo uso da aplicación de comunicación (Tokapp) para "emitir un comunicado desmentindo as reivindicacións das docentes en relación á supresión e as súas horas de tutoría e planificación da actividade docente". "Desde aquel momento, a aplicación deixou de funcionar, dificultando unha comunicación entre as partes da comunidade educativa dos centros", explican. Sinalan que a isto se engade que, desde hai meses, suprimiuse a web que conectaba ás escolas infantís da rede e tamén a estas coas familias.

Por todo iso, estas ANPAs avanzan a súa intención de crear unha federación de ANPA que as agrupe como parte da súa "enérxica protesta polo progresivo enfraquecemento da rede".

POSTURA DA XUNTA

Pola súa banda, a Xunta traslada a Europa Press que "Tokapp é un sistema oficial do centro, e só se pode utilizar para emitir información oficial autorizada". "Nos últimos días detectouse un uso irregular por parte dalgunhas escolas, polo que a ferramenta está a ser revisada para que non volva facerse un uso indebido da mesma", asegura.

Ademais, a Xunta lembra que se pasou de 37,5 a 35 horas no horario das traballadoras desta rede por un acordo que asinou o Goberno galego con todos os sindicatos.

Logo de Galiña Azul. XUNTA
Logo de Galiña Azul. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta