Por Galicia Confidencial | Arzúa | 25/02/2024 | Actualizada ás 10:30
A Casa de Correos de Arzúa, na Rúa das Dores, foi o lugar escollido este ano para a presentación oficial do programa completo da 49.ª Festa do Queixo que terá lugar os días 1, 2 e 3 e marzo.
Na súa intervención, o Alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destacou que este evento como “motor fundamental da economía da zona e patrimonio cultural do concello e a nivel galego tras ser declarada festa de interese turístico de Galicia desde 1999”. Quixo salientar tamén que “non é só unha exposición de produtos lácteos, senón unha experiencia para compartir coñecementos e unha ocasión para degustar e desfrutar produtos gastronómicos propios e alleos”.
Para rematar, lembrou a figura da pregoeira deste ano, María Vázquez, actriz galega nominada por segunda vez aos premios Goya e animou a toda a xente a ir a Arzúa, “unha terra onde somos xente hospitalaria e afable que sempre vos recibirá cos brazos abertos”, dixo.
Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, José Luís Lamas, destacou datos da D.O. como a achega de 200 quilos de queixo para obradoiros e agasallos, así como a colaboración no concurso de pinchos da vila. E tamén lembrou que o pasado ano tiveron récord en pezas e en vendas, con máis de 4.400.000 € facturados.
Así mesmo, puxo en valor que a DOP é a primeira en produción e venda de queixo en Galicia e tamén a primeira nos queixos elaborados con leite de vaca en España. Sendo a primeira a nivel global a do queixo manchego, de ovella.
PROGRAMACIÓN
O director do Festival do Queixo, Alberto Alfonso, desgranou máis polo miúdo a programación artística do festival, que contará con 7 actuacións entre sábado e domingo, 5 galegos e dous estatais (ver horarios). O sábado Tu Futura Exmujer, gañadores do ‘Queixo Maquetón’ (21:30 h), La Plazuela (22:25 h), Arde Bogotá (00:20 h) e Grande Amore (02:05 h); O domingo De Vacas (12:30 h) Guadi Galego (18 h) y Fillas de Cassandra (19:50 h).
No que respecta ao sistema de acceso, como o ano pasado será gratuito ate completar aforo 3.300 persoas.
O concelleiro de cultura, José Luis García, destacou outras actividades como o 7º Festival Pequequeixo e o torneo Chess&Cheese, dándolle tamén especial importancia á presenza da muller na festa, cun 50% de actuacións femininas no escenario, e a prioridade á musica feita en Galicia fronte á feita fora. Das 6 actuacións principais 4 están protagonizadas por grupos galegos o que diferencia o cartel da Festa do queixo de Arzúa doutros carteis de festivais de Galicia durante o verán que estando subvencionados pola Xunta non inclúen grupos galegos. “A organización entende que música galega ten que estar presente e ser protagonista”, dixo.
Tamén puxo en valor a figura da pregoeira, María Vázquez, e doutro artista local, Xan Veiga, quen celebra o 30 aniversario da súa primeira actuación profesional e será nomeado Arzuán do ano xunto ca xornalista e cooperante pola igualdade de xénero Paula Fernández.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.