Fanzines galegos: altofalantes para unha xeración cansa de gardar silencio

As décadas dos 80 e os 90 do século XX en Galicia viron nacer unha vaga de fanzines que foron plataformas de expresión para futuros creadores e creadoras en diversas áreas. Porén, tamén houbo fanzines (moitos) que no seu momento deron expresión á rabia e ao fastío da xente nova en lugares non urbanos ou case urbanos. Política, medioambiente, antimilitarismo, pacifismo, denuncia social e outros temas hoxe moi actuais, tiveron nestas pequenas publicacións o altofalante que lles faltaba na prensa xeralista.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/03/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O fanzine: “para empezar é unha palabra horrible” dicía Loquis, autor e creador dos 'Prospectos Parroquiais' de Lugo durante a súa época de estudante. Estes 'prospectos' eran desde críticas de cinema a opinións sobre algúns temas do día a día. Alén diso, os fanzines comezaron sendo publicacións amadoras relacionadas co mundo dos cómics da ciencia ficción en Estados Unidos. O motivo do nacemento foi moi simple: “se non podemos publicar nas grandes editoras, fagámos nós mesmos as nosas publicacións”. E así, un mozo chamado Russ Chauvenet (Knoxville, 1920-Winston-Salem, 2003) xunto con máis xente nova de todo o país crearon unha rede de intercambio coas súas creacións. Foi Chauvenet quen creou o nome 'fanzine' mesturando do inglés 'fan' (de 'fanatic') e 'zine' (de 'magazine'). Co tempo, en países anglosaxóns o 'fanzine' sería a publicación amadora para a ciencia-ficción e outras expresións artísticas mentres que a abreviación 'zine' acabou empregándose para as publicacións amadoras sobre temáticas máis políticas e 'contraculturais'. Estas últimas publicacións foron a canle de transmisión desde os anos 70 até entrado o século XXI para xente nova que non vía reflectidas as súas queixas ou as súas frustracións nos grandes medios. E iso mesmo sucedeu en Galicia.

Portada do primeiro fanzine coñecido sobre ciencia-ficción 'The Comet'
Portada do primeiro fanzine coñecido sobre ciencia-ficción 'The Comet' | Fonte: Science Correspondence Club


QUE É UN FANZINE: BREVE DESCRICIÓN
Un fanzine é unha publicación amadora feita co obxectivo de dar saída ás opinións e creacións dunha ou máis persoas en relación con temas polos que senten atracción. Nun primeiro momento foron os cómics de ciencia-ficción, noutro momento pasaron a ser temas máis relacionados con outros terreos da cultura: literatura, deseño ou crítica. Mais a partir dos anos 70 do século XX a creación de fanzines foi ampliándose a terreos como a política, o medioambiente, pacifismo, okupación, música e creacións fóra das publicacións xeralistas ou comerciais.

Centrándonos máis sobre as características comúns a estas publicacións debemos remarcar a súa vocación 'amadora' (amateur). Normalmente non hai profesionais dos medios detrás (aínda que si pode habelos). Os fanzines son publicacións que nacen do desexo individual de expresar unhas ideas ou creacións, é dicir, poden ser creados por unha soa persoa expresando as súas creacións aínda que un mesmo fanzine pode crear varias expresións individuais sen que por iso perdan a pegada persoal do autor ou autora.

Os fanzines son publicacións sen beneficio (mais si con oficio) ou se o teñen son cartos só para cubrir gastos de fotocopiado e algún outro extra. Normalmente, estas publicacións teñen unha vida efémera pois é habitual que non pasen duns poucos números ou unicamente publiquen un. Os contidos poden ser unha miscelánea de creacións (textos, deseños, collages, etc). Poden ser feitos directamente a man polo autor ou autora e facer copias tamén a man. A súa distribución é limitada, só ao círculo de persoas achegadas a quen o creou ou a un contexto xeográfico moi concreto e quen distribúe poden ser os mesmos autores e tamén as persoas achegadas a eles ou elas.

FANZINES GALEGOS
No libro Fanzines en Galiza. Unha breve e intensa historia da autoedición galega, de Ramón Mariño Fernández e publicado en Laiovento, recóllese unha breve listaxe de cabeceiras ou nomes de fanzines galegos. A lista é moi curta, mais o acceso a este tipo de publicacións é difícil polos motivos descritos anteriormente, sobre todo o seren efémeros e o seu escaso número de reproducións. Con todo, xa desde os anos 80 se recolleron nomes non só nas grandes cidades galegas senón tamén en vilas como Rianxo, Cambados, Redondela, Mondoñedo, Ribadeo ou Lalín.

Fanzine 'Lixo Urbano'
Fanzine 'Lixo Urbano' | Fonte: Lixo Urbano

Anteriormente, durante a década dos 60 e até os primeiros 80 circulaban en Galicia publicacións con contido político feitas con moito apuro e repartidas de maneira clandestina. Eran os tempos da dictadura franquista e o “pasquín”, así lle chamaba moita xente a estas publicacións, era o altofalante das diversas correntes opositoras ao franquismo, sobre todo desde a esquerda. Eran gratuítas, non estaban feitas por profesionais e tiñan vida moi efémera no caso dos pasquíns máis puntuais (sobre convocatorias, manifestacións ou peches en facultades).

Durante os 80, sobre todo na Coruña e Vigo, comezaron a saír fanzines elaborados de maneira máis “profesional”, con desexo de ofrecer deseños con gusto obra de autores hoxe en día recoñecidos. Fanzines daquela época eran 'Uso externo', 'Valiumdiez', 'La hormiga enana', 'Tintimán', 'El Lado Salvaje' ou 'Xiana'.


OS ANOS 90
A década dos 90 veu como a idea do fanzine se extendía por toda Galicia e así naceron publicacións deste tipo en vilas e no rural. Da man do hardcore, do punk e das okupas, os fanzines foron o xeito de reflectir todo este movemento que xa estaba maduro noutros lugares de Europa e en Norteamérica. Os estilos de música mencionados, así como as okupas e os fanzines eran unha mostra da cultura DIY (Do It Yourself-faino ti mesmo). Este movemento transmitía a idea de: non temos casa? Okupamos. Non sabes tocar? Aprende só os acordes básicos. Non podes publicar nun medio xeralista? Pois crea ti o teu medio.

Os fanzines nacidos nese tempo encheron practicamente toda Galicia. En Ourense 'Noxxxo' e o seu traballo en base a diferentes idearios (esquerda, anarquismo, antimilitarismo, etc.) é un exemplo moi bo do que se fixo nese tempo. En Compostela o moi efémero 'Lixo Urbano' froito do traballo da xente que estableceu a primeira okupa na capital galega na Rúa Loureiros, ofrecía un traballo ligado ao hardcore, ao punk e demais movementos musicais fóra dos circuítos comerciais.

Houbo casos como 'As Cousas Claras' de Lalín onde si recoñecían ser un medio para quen non tiña saída nos media xeralistas. Denunciáronse atentados contra o patrimonio, contra o medioambiente e ao final foron “chamados a capítulo” polo alcalde da localidade. Accións así ocorreron noutros lugares en Galicia onde non caía ben que a xente nova se expresase dicindo o incómodo, o opresivo que era o ambiente nos lugares máis pequenos.

A día de hoxe existen fanzines en papel e cunha boa calidade, mesmo en aqueles repartidos directamente sen fotocopiar. Tamén as novas tecnoloxías deron paso a plataformas como os blogs e mesmo as de creación para páxinas web poden ser un soporte para os fanzines “de nova xeración”. Se estas novas publicacións son ou non fanzines iso xa entraría na consideración ou valoración de cada quen. Por tanto, o futuro do fanzine segue aberto a quen queira continuar a súa pegada.

Desastre Nuclear
Desastre Nuclear | Fonte: Desastre Nuclear
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta