Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2024 | Actualizada ás 19:16
A chegada dunha nova fronte a Galicia intensificará o vento do suroeste, con intervalos de forza oito no mar, e activa para este luns a alerta por temporal costeiro. Segundo Meteogalicia, as Rías Baixas estarán en alerta amarela por vento no mar, de forza sete e podendo alcanzar a forza oito e, desde o mediodía do luns ás 12,00 horas do martes, por ondas de catro a cinco metros.
Pola súa banda, a Costa da Morte estará primeiro en aviso amarelo no mar por vento e alcanzará a alerta laranxa de 6,00 a 9,00 horas ao esperarse refachos de forza oito.
Así mesmo, desde as 12,00 do luns ao mediodía do martes o litoral estará en aviso amarelo por ondas de cinco a seis metros.
No Noroeste da Coruña tamén haberá alerta laranxa no mar por vento de forza oito e a costa coruñesa manterase en nivel laranxa, desde o mediodía do luns ata o do martes.
Con todo, a A Mariña Lucense establecerá o aviso amarelo por vento no mar e por temporal costeiro. Ademais, na Mariña espéranse ventos con refachos por enriba dos 80 km/h polo que tamén estarán en alerta amarela.
ALERTA RÍOS
Ademais, as choivas dos últimos días manteñen activo o Plan Especial ante o Risco de Inundacións de Galicia (Inungal) que nestes momentos se aplica en máis dunha decena de ríos e sete rías de toda a xeografía galega.
En concreto, atópanse en seguimento as estacións de aforamento do río Landro e Ouro (Viveiro e Foz), río Covo (Cervo), río Mera (Ortigueira), río Xubia (San Sadurniño), río Eume (As Pontes), río Mandeo (Aranga), río Mendo (Betanzos), río Anllóns (Ponteceso), río Ulla, río Furelos (Santiso), río Verdugo, río Oitaven (Soutomaior), río Labrada (Fraga), río Landra (Insua, Begonte), río Neira (O Páramo), río Miño (A Peroxa) e o río Arnoia (Baños de Molgas).
En canto ás rías en alerta son: a de Cedeira, Santa Marta de Ortigueira, Betanzos, A Coruña, Arousa, Vigo e Baiona.
Entre outras recomendacións, para evitar riscos, o 112 Galicia aconsella abandonar calquera actividade que se realice nos cursos fluviais, evitar atravesar pontes ou torrentes, retirar os vehículos da marxe dos ríos e, en caso de inundación nunha vivenda, acceder á parte máis alta para protexerse.
BAIXA A COTA DE NEVE ATA OS 900 METROS
Desta forma, na xornada deste luns non se esperan cambios significativos xa que a comunidade continuará na influencia das baixas presións que enviarán unha nova fronte fría durante as primeiras horas.
Os ceos estarán anubrados con choivas máis intensas durante a mañá e co avance da tarde serán máis ocasionais e irán perdendo intensidade.
A cota de neve baixará ata os 900 metros, as temperaturas mínimas subirán lixeiramente e as máximas non terán uns cambios significativos. O vento soprará moderado de compoñente oeste, con intervalos en zonas altas e en puntos próximos ao litoral norte.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.