Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2024 | Actualizada ás 18:00
O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, encadrou nun trámite "ordinario" o suplicatorio proposto pola maxistrada do Tribunal Supremo, Ana Ferrer, para solicitar ao Senado para que o seu predecesor no cargo, Manuel Baltar, sexa xulgado por un delito penal contra a seguridade viaria por conducuir a 215 km/h nunha autovía.
Este xoves, despois de coñecerse a exposición razoada á Sala Segunda na que propón solicitar un suplicatorio ao Senado ao apreciar contra el "indicios racionais de criminalidade", Luís Menor incidiu en que "non é habitual renunciar á inmunidade, o habitual é que se solicite, como nesta situación, por un trámite ordinario".
Menor, que lembrou que é membro da Administración de Xustiza, sostivo que se trata dun trámite ordinario, "un trámite de petición" e que "se se cumpren os requisitos" "o normal" é que o órgano, neste caso o Senado, "autorice o levantamento".
"É un trámite regulado, non depende da vontade, nin para ben nin para mal. É o trámite que corresponde a calquera persoa aforada, co suplicatorio, se cumpre os requisitos xurídicos que a lei establece con claridade, normalmente non hai ningunha discrepancia en orde á concesión ou denegación do mesmo", remarcou.
Menor subliñou que a inmunidade é unha figura que se crea para evitar acusacións de carácter político. "Se fose ese sentido, o normal sería que se denegase para que a persoa continuase desempeñando o seu papel", engadiu antes de apuntar que, se se trata de aspectos relacionados coa vida ordinaria, "o normal é que se conceda, libérese ese obstáculo e continúese o procedemento cos trámites ordinarios".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.