Homenaxe ás mulleres traballadoras nas conserveiras galegas da man de Sonsoles Ónega, Premio Planeta 2023

Os conselleiros en funcións de Promoción do Emprego e Igualdade e do Mar, Elena Rivo e Alfonso Villares, participaron este sábado no acto 'A muller na conserva. Historias en feminino', que busca pór en valor o papel das mulleres nas conserveiras galegas como exemplo de éxito no marco da industria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2024 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

Os conselleiros en funcións de Promoción do Emprego e Igualdade e do Mar, Elena Rivo e Alfonso Villares, participaron este sábado no acto 'A muller na conserva. Historias en feminino', que busca pór en valor o papel das mulleres nas conserveiras galegas como exemplo de éxito no marco da industria. A homenaxe tivo lugar na sede de Nauterra (antigo grupo Calvo) en Carballo e en compañía da xornalista e escritora Sonsoles Ónega, recoñecida co Premio Planeta 2023 pola súa obra 'Las hijas de la criada', ambientada precisamente no mundo da conserva.

Na súa intervención, tal e como trasladou a Xunta nunha nota de prensa, Elena Rivo fixo alusión á celebración este venres do Día da Muller, polo que aproveitou para pór en valor "non só a todas as que co seu labor entregado envasan os millóns de latas de conserva que se consomen dentro e fóra de Galicia, senón tamén ás que co seu enxeño e dedicación lograron facerse un nome nun mundo outrora de homes, tomando decisións determinantes para as súas empresas".

Así mesmo, mostrouse convencida de que un futuro de progreso debe pasar pola incorporación crecente da muller especialmente a postos directivos, "garantindo unha equidade que se traduce en crecemento e riqueza", detallou a administración autonómica. Pola súa banda, o conselleiro do Mar en funcións sinalou que este 9 de marzo toca "continuar reivindicando e pondo en valor o papel feminino no avance de Galicia". Un traballo esencial que, expuxo, elas realizan, día a día, no conxunto da cadea mar-industria, tanto a pé de fábrica como na cúpula directiva das empresas do sector.

Tamén manifestou Villares que o obxectivo agora é romper cos estereotipos e con teitos de cristal que poidan atopar as mulleres en calquera dos subsectores que integran a pesca, acuicultura e a industria alimentaria, sen límites para que as profesionais poidan desempeñar os máis altos postos de responsabilidade e representatividade.

Os conselleiros en funcións de Promoción do Emprego e Igualdade e do Mar, Elena Rivo e Alfonso Villares, no acto 'A muller na conserva. Historias en feminino', en Carballo.. XUNTA
Os conselleiros en funcións de Promoción do Emprego e Igualdade e do Mar, Elena Rivo e Alfonso Villares, no acto 'A muller na conserva. Historias en feminino', en Carballo.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta