As frondosas galegas en perigo mentres o eucalipto duplica a súa extensión en trinta anos

Os soutos e as fragas foron perdendo terreo de maneira acelerada durante as tres últimas décadas. Logo de que se aprobase o Plan Forestal de Galicia en 1992 a superficie de eucalipto en Galicia acabou duplicándose antes da finalización do plan prevista para 2030. Porén, algunhas voces de expertos piden realizar estudos previos de cara á repoboación e ao aproveitamento das diferentes árbores fuxindo de posturas encontradas.

Por Moncho Mariño | Santiago | 22/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A superficie das frondosas galegas estase reducindo, isto é o que din persoas vinculadas ao estudo das mesmas e á súa protección. O avance do eucalipto (glóbulus ou nitens) está creando unha masa forestal dirixida á creación de pasta de celulosa para a súa exportación. O mesmo sucede coa madeira de frondosas explotada en Galicia para a moblaría, a maioría vai dirixida a Portugal e outros lugares do Estado onde existe industria do moble. O Plan Forestal de Galicia nacido en 1992 buscaba, entre outros puntos, a produción de madeira de calidade, profesionalización da silvicultura e tamén darlle ao monte a importancia estratéxica que ten. En teoría buscábase un aproveitamento do monte incluíndo todas as especies que desen rendemento. Non obstante, pasados case trinta anos, movementos en defensa do monte en man común e de defensa das árbores autóctonas acusan aos intereses industriais de estaren detrás das políticas negativas con respecto ás masas de frondosas.

Carballo da Portela
Carballo da Portela


MALTRATO ÁS FRONDOSAS
A maior parte da madeira de frondosa que se corta en Galicia é para leña de consumo propio. Doutra banda, existen proxectos de repoboación con castiñeiros de cara á producion da castaña e derivados, mais aínda así os principal uso do monte arborado en Galicia é para madeira de eucalipto destinada á celulosa e á industria do taboleiro. O Plan Forestal de 1992 prevía para 2030 un total de 250.000 hectáreas de eucalipto, mais segundo os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, en xuño de 2023 a superficie de eucalipto en Galicia era de 409.026 hectáreas.

“Temos unha cultura forestal de desprezo cara á madeira de serra” di Xosé Santos de Amigos das Árbores. “A Xunta non para de dicir que cortamos o 60% da madeira que se corta no Estado, a inmensa maioría é eucalipto”. Esta porcentaxe superando a metade da madeira que se corta en toda España debera supoñer un retorno elevado en beneficios, aínda así “só facturamos o 13% da madeira que se corta, unha clara política estractiva”.

“Os lugares onde menos aumentou a presenza do eucalipto son os montes en man común e alí onde hai abandono do rural sen ser man común aumenta” di Xosé Pereira da ORGACCMM (Organización Galega de Comunidades de Montes). “Segundo os estudos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, as grandes áreas de eucalipto en Galicia son A Mariña luguesa, Ortegal e Santiago interior” di Pereira quen tamén insiste no aumento da superficie de eucaliptal en comparación coa frondosa.

Ángel Miramontes, profesor de Xeografía na Facultade de Xeografía e Historia da USC e autor da tese doutoral La industria de la madera en Galicia: la significación del subsector del mueble, apunta que no momento en que se comezou a aplicar o Plan Forestal de Galicia si houbo un alto incremento na plantación de eucalipto “con destino á fabricación de pasta de papel o que tivo unha repercusión clara”. Sobre a industria de segunda transformación como carpintaría e moble “demandaban unha tipoloxía de madeira que non se encontraba nos nosos montes”.

Un bosque de frondosas, na Ribeira Sacra,na Cova, Saviñao
Un bosque de frondosas, na Ribeira Sacra,na Cova, Saviñao | Fonte: Carlos Castro

PESO DA MADEIRA FRONDOSA, EXISTE?
“Estamos diante dunhas políticas deseñadas para producir madeira de mala calidade con destino á celulosa e ao taboleiro” sinala Xosé Santos quen apuntan a antiga existencia das serras para a transformación da madeira para construción. “Non se quere potenciar unha industria do secado da madeira para aproveitar o monte de castiñeiros e carballos mentres deixan morrer os soutos de castiñeiros”.

Sobre o aproveitamento destas madeiras para o seu uso estrutural na construción “iso é unha falacia”. O uso en moitos casos é o de taboleiro e madeira importada como é o abeto ou piñeiro nórdico. “Realmente non hai industria da transformación e as repoboacións que se fixeron con frondosas foi pensando en cuestións ambientais sen pensar noutras solucións” di Xosé Alfredo Pereira.

Porén, Ángel Miramontes destaca que a segunda transformación da madeira segue sendo un dos sectores máis importantes a escala galega “primeiro por estaren localizadas en áreas periféricas ou rurais, por outra parte son empresas que se foron adaptando a cambios no mercado e crises internas e de mercado”. Aquí apunta á especialización en determinados produtos demandados actualmente para construción e obra especializada.

Doutra banda, si é certo que moita madeira frondosa galega vai destinada a outros lugares onde a industria do moble é máis forte. O produto final retorna a Galicia en forma de produto elaborado. Alén diso, Miramontes apunta que “non se pode dicir que en Galicia non haxa industria do moble, sucede que esa industria evolucionou para mobles moito máis especializados para segundo a tipoloxía de cliente”.

As frondosas en Galicia poden ter saídas, sería necesaria unha nova política de aproveitamento das mesmas, aínda que diferentes sectores apuntan a estratexias deseñadas polas autoridades políticas que teñen detrás a influencia de grandes corporacións. A conclusión é que a política forestal galega necesita un cambio se non se quere perder o monte autóctono e o seu aproveitamento como recurso natural ademais de encontrar un equilibrio coa explotación das madeiras máis industriais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xanc

Pero... Galicia Rueda! A Galicia que funciona. Tomade eucaliptos, ENCEs, Altri e expropiacións!