Cans en Galicia: en Gondomar, por cada bebé de entre 0 e 4 anos hai 12 cans; no Bolo, 124

O primeiro sería un dos concellos máis novos de Galicia e o segundo un dos máis vellos. Como pode observarse, os cans están moi presentes en ambos. Dende o Galicia Confidencial presentámosche todos os datos. Vaste sorprender.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/03/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A sangría demográfica é unha realidade xa consolidada en Galicia. Esta crise poboacional está facendo que cada vez máis concellos do rural queden practicamente despoboados ou cunha poboación cuxa media de idade ronda os 65 anos, mentres que nos municipios de costa e naqueles máis próximos ás sete grandes cidades concéntrase a maioría da poboación galega (iso si, a media de idade tampouco baixa demasiado, estando nos 48 anos). A sociedade está cambiando e hoxe por hoxe formar unha familia non é sinxelo: cos salarios tan baixos en comparación cos prezos dos alimentos, da vivenda e da enerxía resulta practicamente imposible para moitas familias manter outra boca (alo menos outra boca humana).

Bebés e cans
Bebés e cans | Fonte: Arquivo

Así as cousas, o proxecto de vida do pasado para calquera persoa: casarse, ter unha vivenda en propiedade e ter fillos; xa non é o proxecto de vida que os mozos teñen na actualidade. O de ter unha casa en propiedade xa é unha utopía, pero o de ter fillos tampouco semella unha prioridade. Deste xeito, as familias modernas están agora compostas por un ou dous integrantes e un ou varios animais de compañía, habitualmente cans. Dende Galicia Confidencial, cos datos do REGIAC, analizamos como está a situación nos concellos galegos máis novos e máis vellos. E xa partimos da base de que na actualidade en todos os municipios de Galicia hai máis cans rexistrados que nenos menores de 14 anos. Así as cousas, cales son os concellos con máis cans que menores de idade? Inflúe a idade na súa adquisición?

SÓ BURELA, ENTRE OS CONCELLOS MÁIS NOVOS, TEN MÁIS MENORES CA CANS

Comecemos por analizar os concellos máis novos de Galicia, aqueles cuxa media de idade está por debaixo dos 48 anos que marca a media galega. Teriamos un total de 16 municipios que cumpren esta regra: Ames, Salceda de Caselas, O Porriño, Oroso, Ponteareas, Arteixo, Mos, Tui, Soutomaior, Culleredo, Pontecesures, Gondomar, Barbadás, Poio, Oleiros e Burela. De todos eles, só hai un que ten tanto máis rapaces menores de 19 anos como tamén máis vellos maiores de 65 (con datos do INE correspondentes a xaneiro de 2022) que cans. En concreto, en Burela, un concello de 9.430 habitantes, hai 1.306 cans (ten a taxa máis baixa de Galicia, pois supera por moi pouco un can por cada dez veciños). Pero hai 1.631 menores de 19 anos e 1.896 maiores de 65. Agora ben, se baixamos a idade e miramos os menores de 14 anos, habería 1.211, o que quere dicir que hai máis cans que nenos menos de 14. E se miramos os bebés, quedámonos en tan só 375, o que supón que por cada bebé de entre 0 e 4 anos hai en Burela máis de 3 cans.

Tamén paga a pena deterse noutro concello que ten unha situación particular: Mos, onde o número de cans duplica ao de menores de 19 anos. En concreto, este municipio conta con 15.199 habitantes e 5.428 cans rexistrados (non son moitos, pois a taxa sería de 36 cans por cada cen habitantes), mentres que só ten 2.710 menores de 19 anos (e 3.220 maiores de 65). Isto supón que por cada menor de 19 hai dous cans no concello. Se nos imos aos bebés, o caso aínda é moito máis escandaloso, pois en Mos hai 541 nenos de 0 a 4 anos, o que quere dicir que por cada un destes bebés hai 10 cans. O mesmo que en Mos acontece no concello de Gondomar, onde tamén os cans duplican en número aos menores de 19 anos. En concreto, en Gondomar hai 14.970 habitantes e 5.832 cans (a taxa sería de 39 cans por cada cen habitantes). Menores de 19 anos habería 2.663 (e maiores de 65 serían 2.865): por cada un, dous cans. Ademais, bebés de entre 0 e 4 anos teñen no municipio 496, o que supón que por cada un hai case 12 cans.

Bebés e nenos
Bebés e nenos | Fonte: Arquivo

Noutros municipios, aínda que non de forma tan acusada, tamén hai unha grande diferenza entre o número de menores de 19 anos e o número de cans rexistrados. É o caso do Porriño, onde hai 20.408 habitantes e 5.875 cans (taxa de 29 cans por cada cen habitantes). Os menores de 19 anos non superan os 3.972 (os maiores de 65 son 3.554). E se nos vamos aos bebés de 0 a 4 anos, hai no concello 897, isto é, por cada bebé hai case 7 cans. Pola súa banda, no concello de Oroso hai 7.572 habitantes e 2.160 cans (taxa de 29 cans por cada cen habitantes). Menores de 19 anos hai 1.489 (e 1.244 maiores de 65); mentres que bebés de 0 a 4 anos habería tan só 302: por cada bebé hai máis de 7 cans. No caso de Ponteareas, hai 23.049 habitantes e 7.143 cans (taxa de 31 cans por cada cen habitantes). Menores de 19 anos habería 4.487 (e 4.282 maiores de 65); mentres que bebés de 0 a 4 anos hai 850, o que quere dicir que por cada bebé hai máis de 8 cans. E no concello de Soutomaior hai 7.543 habitantes e 2.508 cans (taxa de 33 cans por cada cen habitantes). Menores de 19 anos habería 1.510 (e 1.379 maiores de 65), mentres que bebés de 0 a 4 anos serían 272: por cada bebé hai máis de 9 cans.

Xa no resto dos concellos máis novos de Galicia as cifras serían as seguintes: en Ames hai 32.095 habitantes, 7.234 cans (taxa de 23 cans por cada cen habitantes) e 6.851 menores de 19 anos (fronte a 4.239 maiores de 65). Se nos vamos aos bebés de 0 a 4 anos, hai 1.292: por cada bebé hai case 6 cans. En Salceda de Caselas hai 9.380 habitantes, 2.656 cans (taxa de 28 cans por cada cen habitantes) e 2.061 menores de 19 anos (e 1.439 maiores de 65). Bebés de 0 a 4 anos hai no concello 458, o que supón que por cada bebé hai case 6 cans. En Arteixo hai 33.076 habitantes, 8.119 cans (taxa de 29 cans por cada cen habitantes) e 6.324 menores de 19 anos (e 5.563 maiores de 65). Bebés de 0 a 4 anos habería 1.298: por cada bebé hai máis de 6 cans. En Tui hai 17.375 habitantes, 4.907 cans (taxa de 28 cans por cada cen habitantes) e 3.173 menores de 19 anos (fronte a 3.730 maiores de 65). De 0 a 4 anos hai 605 bebés, o que supón que por cada bebé hai no municipio máis de 8 cans.

Pasando ao caso de Culleredo, este concello ten 30.790 habitantes, 7.156 cans (taxa de 23 cans por cada cen habitantes) e 6.083 menores de 19 anos (fronte a 5.526 maiores de 65). Bebés de 0 a 4 anos ten 1.115, o que quere dicir que por cada bebé hai máis de 6 cans. En Pontecesures hai 3.079 habitantes, 847 cans (taxa de 28 cans por cada cen habitantes) e 540 menores de 19 anos (fronte a 568 maiores de 65). De 0 a 4 anos hai 108 bebés: por cada bebé hai case 8 cans. En Barbadás hai 11.061 habitantes, 2.181 cans (taxa de 20 cans por cada cen habitantes) e 2.149 menores de 19 anos (fronte a 2.073 maiores de 65). Bebés de 0 a 4 anos hai 401, polo que por cada bebé hai neste municipio algo máis de 5 cans. En Poio hai 12.276 habitantes, 4.919 cans (taxa de 28 cans por cada cen habitantes) e 3.235 menores de 19 anos (e 3.550 maiores de 65). Bebés de 0 a 4 anos habería 589, polo que por cada bebé hai máis de 8 cans. Finalmente, no concello de Oleiros hai 37.271 habitantes, 9.293 cans (taxa de 25 cans por cada cen habitantes) e 7.214 menores de 19 anos (fronte a 7.802 maiores de 65). Bebés de 0 a 4 anos hai 1.361: por cada bebé hai case 7 cans.

SÓ OITO CONCELLOS DOS MÁIS VELLOS TEÑEN MÁIS MAIORES DE 65 CA CANS

Pasando agora á realidade dos concellos máis avellentados de Galicia, cómpre lembrar que son 18: Lobeira, Parada de Sil, San Xoán de Río, O Bolo, Chandrexa de Queixa, Calvos de Randín, Avión, Vilardevós, Gomesende, Beariz, A Peroxa, O Irixo, Melón, Navia de Suarna, Porqueira, Larouco, Muíños e Bande. Deles, só en 8 hai máis maiores de 65 que cans (e ningún supera os 100 menores de 19 anos agás Avión e A Peroxa). Así, en Parada de Sil hai 531 veciños e 188 cans (taxa de 35 cans por cada cen habitantes). Maiores de 65 só hai 265 e menores de 19 hai 21: por cada menor de 19 hai case 9 cans; e habendo só 5 bebés de 0 a 4 anos, por cada bebé habería case 38 cans. En Avión hai 1.770 e 666 cans (taxa de 38 cans por cada cen habitantes). Maiores de 65 serían 886 e menores de 19 hai 140: por cada menor hai case 5 cans; nenos de 0 a 4 anos hai 20, polo que por cada bebé hai algo máis de 33 cans. En Gomesende hai 686 habitantes e 201 cans (taxa de 29 cans por cada cen habitantes). Maiores de 65 son 339 e menores de 19 tan só 33: por cada menor de 19 hai 6 cans; e bebés de 0 a 4 anos hai 6, polo que por cada bebé hai case 34 cans. En Beariz hai 973 habitantes e 394 cans (taxa de 40 cans por cada cen habitantes). Maiores de 65 serían 471 e menores de 19 serían 70: por cada menor hai case 6 cans; e como hai 13 nenos de 0 a 4 anos, por cada bebé hai algo máis de 30 cans.

Na Peroxa hai 1.805 habitantes e 724 cans (taxa de 40 cans por cada cen habitantes). Maiores de 65 hai 758 e menores de 19 serían 133: por cada menor de 19 hai máis de 5 cans; con 42 nenos de 0 a 4 anos, por cada bebé hai 17 cans. Pasando ao caso do concello de Melón, nel hai 1.137 habitantes e 433 cans rexistrados (taxa de 38 cans por cada cen habitantes). Maiores de 65 serían 550 e menores de 19 hai 81: por cada menor de 19 hai máis de 5 cans; nenos de 0 a 4 anos hai 13, polo que por cada bebé hai máis de 33 cans. No concello de Porqueira hai 835 habitantes e 366 cans (taxa de 44 cans por cada cen habitantes). Maiores de 65 son 410 e menores de 19 habería tan só 48: por cada menor de 19 hai case 8 cans; e como hai 12 bebés de 0 a 4 anos, por cada bebé hai case 31 cans. E xa no municipio de Muíños hai 1.424 habitantes e 396 cans (taxa de 28 cans por cada cen habitantes). Maiores de 65 anos hai 634 e menores de 19 hai 68: por cada menor hai case 6 cans; e hai 16 nenos de 0 a 4 anos, polo que por cada bebé hai case 25 cans.

Seguindo agora polos concellos máis avellentados de Galicia onde o número de cans supera ao de maiores de 65 anos estarían Lobeira, con 774 habitantes e 556 cans rexistrados (taxa de 72 cans por cada cen habitantes). Maiores de 65 hai 420 e menores de 19 tan só 21: por cada menor hai máis de 26 cans; e como hai 5 nenos de 0 a 4 anos, por cada bebé hai máis de 111 cans. En San Xoán de Río hai 508 habitantes e 338 cans (taxa de 35 cans por cada cen veciños). Maiores de 65 serían 272 e menores de 19 tan só 19: por cada menor de 19 anos hai case 18 cans; nenos de 0 a 4 anos hai 6, polo que por cada bebé hai 56 cans. No Bolo hai 824 habitantes e 494 cans (taxa de 60 cans por cada cen veciños). Maiores de 65 anos hai 433 e menores de 19 hai 46: por cada menor hai case 11 cans; hai 4 nenos de 0 a 4 anos, polo que por cada bebé hai 124 cans. En Chandrexa de Queixa son 495 habitantes e 390 cans (taxa de 79 cans por cada cen veciños). Maiores de 65 anos hai 252 e menores de 19 tan só 17: por cada menor hai case 23 cans; e hai 5 nenos de 0 a 4 anos, é dicir, por cada bebé hai 78 cans. En Calvos de Randín hai 678 habitantes e 426 cans (taxa de 63 cans por cada cen veciños). Maiores de 65 serían 375 e menores de 19 habería 27: por cada menor hai case 16 cans; hai 8 nenos de 0 a 4 anos, isto é, por cada bebé hai algo máis de 53 cans. 

En Vilardevós hai 1.726 habitantes e 1.107 cans (taxa de 64 cans por cada cen habitantes). Maiores de 65 serían 867 e menores de 19 serían 78: por cada menor de 19 hai algo máis de 14 cans; e hai 13 nenos de 0 a 4 anos, o que supón que por cada bebé hai 85 cans. No Irixo hai 1.366 habitantes e 1.059 cans (taxa de 78 cans por cada cen habitantes). Maiores de 65 anos serían 695 e menores de 19 habería 92: por cada menor de 19 hai case 12 cans. En Navia de Suarna hai 997 habitantes e 576 cans (taxa de 58 cans por cada cen habitantes). Maiores de 65 serían 482 e menores de 19 tan só 43: por cada menor de 19 hai máis de 13 cans; e nenos de 0 a 4 anos hai 9, así que por cada bebé hai 64 cans. En Larouco hai 440 habitantes e 206 cans (taxa de 47 cans por cada cen veciños). Maiores de 65 hai 195 e menores de 19 ahi tan só 34: por cada menor de 19 hai 6 cans; e hai 11 nenos de 0 a 4 anos, o que supón que por cada bebé hai 19 cans. E, finalmente, no concello de Bande hai 1.464 habitantes e 1.375 cans (taxa de 94 cans por cada cen habitantes). Maiores de 65 hai 722 e menores de 19 serían 82: por cada menor de 19 hai case 17 cans; e hai 23 nenos de 0 a 4 anos, o que equivale a que por cada bebé hai 60 cans.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Curuxa

En resumo hai moito can que non procrea

1 Sentidiño

En resumo: non sobran cans, faltan nenos...