Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2024 | Actualizada ás 14:35
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres o plan de control tributario para 2024 que inclúe novidades: linguaxe máis sinxela, nova web de Atriga e transferencias bancarias en pagos de débedas. Así, a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) simplificará a linguaxe utilizada nos documentos máis comúns e habituais "co obxectivo de facilitar a comunicación coa cidadanía". Neste marco, engadirase un resumo no que se indicará que é ese documento, para que se lle envía á persoa interesada, que ten que facer con el ou onde pode obter axuda.
Tamén se redeseñará a páxina web da Atriga para simplificar o seu uso e operatividade, cunha linguaxe máis sinxela, buscadores, así como información destacada das operacións máis frecuentes para obter o que se precise de maneira áxil. Outorga máis protagonismo aos servizos dos contribuíntes e aos trámites por vía electrónica.
Ademais, habilitarase como medio de pago a transferencia bancaria para o pago daquelas débedas que, conforme á normativa vixente, poida ser efectuado a través da Oficina Virtual Tributaria, cando o contribuínte non dispoña de conta aberta nas entidades bancarias colaboradoras na xestión recadatoria coa Atriga.
A Atriga tamén subscribirá un convenio coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) que regulará a colaboración entre ambas as para o intercambio electrónico dos datos do rexistro de vehículos e do cumprimento dos deberes fiscais. "Isto axilizará os trámites a realizar para cambiar a titularidade dos vehículos, pois se facilitará unha tramitación integramente electrónica a todo tipo de interesados e minimizarase o intercambio de datos persoais", informa a Xunta.
A Xunta atendeu o ano pasado a un total de 262.018 galegos co obxectivo de facilitar o cumprimento dos seus deberes tributarios. Do total, 147.990 foron atendidos de maneira presencial nos 47 puntos de información que a Atriga ten distribuídos por toda Galicia, mentres que aos 114.028 restantes prestóuselles asistencia pola vía telefónica. Do total, 7.695 recibiron atención tributaria a través da canle preferente para maiores de 65 anos posta en marcha en 2022.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.