Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2024 | Actualizada ás 19:13
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, reafirmou este venres o compromiso do Executivo central coa mellora da N-541, a vía onde se produciu o accidente mortal de autobús na Noiteboa de 2022, no que morreron sete persoas. Segundo dixo, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable traballa para licitar "cando antes" a obra de asfaltado, a pesar de que xa foi anunciada polo Goberno hai máis dun ano.
A actuación levarase a cabo entre os puntos quilométricos 51 e 68, ao seu paso por Cerdedo-Cotobade e Forcarei, ata o límite coa provincia de Ourense. En concreto, os traballos contarán cun orzamento estimado duns 4 millóns de euros e, segundo dixo Losada, están entre as "prioridades" do ministerio.
"Vai ser unha das actuacións de conservación máis importantes das que se van a executar a curto prazo", reivindicou tras manter un encontro co xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Ángel del Río.
O subdelegado do Goberno insistiu en que o compromiso coa mellora da N-541 "está claro", polo que lle reclamou ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que "deixe de utilizar todos e cada un dos incidentes que se producen nela para alimentar a política de ruído e crispación da que a cidadanía está máis que farta".
"Nin busco polémicas nin as propicio, pero véxome na obrigación de responder porque non me parece serio que un alcalde se dedique a facer comunicados e a difundir fotografías dunha saída de vía nun tramo recto, dotado con tres carrís e limitado a 50 quilómetros por hora, no que non houbo nin feridos e mesmo os danos materiais foron moi escasos", sentenciou.
Todo iso máis dun ano despois de que xa o Goberno anunciase un investimento de 4 millóns de euros para o arranxo desta vía, sen que por agora se licitara nin executara. Tras o accidente mortal, sete rexedores da zona, encabezados por Cubela, subscribiron un pacto para reclamar estas melloras, que aínda non se produciron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.