Durante moitos anos, os dous partidos mais influentes no sistema político español -PSOE e PP- adoptaron un mesmo criterio ante os casos mais espectaculares nos que se viron involucrados (a Gürtel e os ERE de Andalucía, por citar só dous exemplos): a depuración das responsabilidades políticas estaba totalmente vinculada aos resultados dos procedementos xudiciais. Invocando o principio da presunción de inocencia (que, como é sabido, resulta totalmente pertinente no ámbito dos trámites xurídicos), establecíase un ríxido siloxismo dedutivo: se un xuíz ou tribunal imputaba e/ou condenaba a un cargo político cabía considerar a hipótese da súa dimisión (con algunhas variantes significativas: en certas ocasións esixíase a existencia dunha sentenza condenatoria definitiva, que non tivera posibilidade de recurso ante unha instancia superior); se non era así, non estaba xustificado o abandono do status de poder previamente adquirido pola persoa afectada.
Tal liña de conduta provocaba efectos nocivos sobre a vida pública: contribuía a xudicializar a actividade política, desnaturalizaba a función fiscalizadora do poder lexislativo -e, de paso, a súa potencial virtualidade como ferramenta de alimentación dos valores éticos no labor dos representantes democráticos- e incrementaba os incentivos intervencionistas dos sectores mais conservadores da xudicatura. Todos estes elementos facilitaban a creación dun estado de opinión en importantes sectores da cidadanía que se podería resumir na coñecida máxima de que "todos os políticos son iguais".
A decisión adoptada pola dirección do PSOE, esixindo que Abalos abandonase o escano como expresión da asunción de responsabilidades por ter designado a Koldo García como asesor da máxima confianza, representou un punto de inflexión na folla de ruta habitualmente seguida por esta formación política. A pesar de que o ex-ministro socialista non está sendo investigado xudicialmente -e, moito menos, procesado- Pedro Sánchez ven de establecer un precedente importante de cara a futuros episodios vinculados a prácticas corruptas.
Ante esta situación, o PP enfrontábase a un dilema: aceitar este novo criterio na aplicación das responsabilidades políticas ou manter a liña de máxima belixerancia opositora. Polo visto nestes días, a decisión tomada non ofrece dúbidas: exhibición impúdica dun cálculo partidista carente de escrúpulos éticos. Pedir a dimisión da presidenta do Congreso por razóns de "moralidade pública" é un insulto á intelixencia de quen contemplamos como se aceitou que Núñez Feijoo seguira na presidencia da Xunta despois de ser coñecida a súa relación co narcotraficante Marcial Dorado ou como non se depuraron responsabilidades no caso de Esperanza Aguirre a pesar de que varios dos seus conselleiros foron procesados e finalmente condenados por delitos graves.
Os comportamentos que están sendo investigados tiveron lugar nun contexto extraordinario -a pandemia sanitaria- que requiría unha resposta á altura da gravidade do sucedido. Xa que logo, resulta pertinente manexar criterios de máxima esixencia no momento de avaliar o labor das autoridades naqueles dramáticos meses. Mais tamén é necesario interpelar a sectores relevantes da sociedade: non é admisíbel que algúns empresarios aproveitaran as necesidades urxentes de suministros para seguir aplicando a lóxica da obtención do máximo beneficio nos seus negocios. A reprobación ética -ademais da eventual sanción penal- debería chegar a todos os chanzos existentes na cadea da corrupción.
Naqueles momentos duros da COVID prognosticouse -tal vez cunha dose excesiva de inxenuidade pero tamén como expresión dun fondo desexo de cambio- que a experiencia da pandemia podería facernos mellores como corpo social organizado. O que estamos coñecendo na actualidade constitúe un baño de realidade que nos coloca diante dos retos que temos pendentes se queremos achegar un horizonte de maior xustiza social.