A campaña máis estalizada da última década?

Despois de moitas especulacións e declaracións, xa sabemos a data dos comicios ao Parlamento galego. Certamente, o adianto dunha convocatoria electoral forma parte das normas e das prácticas vixentes en moitos sistemas democráticos. Xa que logo, non ten sentido focalizar a discusión na congruencia legal da decisión tomada por Alfonso Rueda senón noutras cuestións relevantes: os argumentos utilizados para explicar o adianto e as formas aplicadas na súa execución.

Por Xesús Veiga | Compostela | 17/01/2024

Comparte esta noticia
O presidente da Xunta non foi quen de explicitar un motivo sólido para xustificar a opción do 18 de Febreiro. Non houbo apelación a eventuais crises de gobernabilidade, a presuntas necesidades sociais ou á existencia de acontecementos imprevistos na contorna estatal ou internacional. E ademais, por que elixiu unha data que interfire notabelmente nas celebracións populares do Entroido podendo establecer unha data alternativa (3 de Marzo) que reducía sensibelmente tal impacto? A resposta ás interrogantes semella evidente: porque calcula que é o que mais beneficia ás expectativas electorais do PP. Os efectos sobre as tradicións festivas non teñen importancia -son "danos colaterais"- cando se pretende acadar un nivel de participación que non arruíne as estimacións que se manexan no estado maior do partido.
 
E logo están as formas. Por que Rueda non aproveitou a celebración do pleno do Parlamento para anunciar unha medida tan importante na vida democrática de calquera país? Peor aínda: no canto de utilizar a Cámara que representa a soberanía da sociedade galega para comunicar esa información, pretendeu xogar ao despiste afirmando que o consello da Xunta do día seguinte ía aprobar un novo proxecto de lei. Unha mentira pouco piadosa e moi reveladora da cativa estatura democrática do actual inquilino de San Caetano.
 
Por se había algunha dúbida, Feijoo falou claro hai poucos días sobre as súas pretensións: as eleccións galegas serán a segunda volta dos comicios xerais do pasado 23 de Xullo. A súa confirmada presenza permanente no desenvolvemento da campaña do PP certifica a verosimilitude de tal aserto. Xa que logo, o desmentido da retórica que está utilizando Rueda, asegurando que Galiza vai estar no centro das súas actuacións propagandísticas nas vindeiras semanas, é contundente. Non admite dúbidas. O partido que ven controlando as institucións do autogoberno galego dende hai varias décadas decidiu "estatalizar" ao máximo a súa oferta electoral. Pensan que falando moito da amnistía, de Cataluña, de Bildu e repetindo a coñecida axitación "antisanchista" van propiciar a mobilización máxima do seu electorado e neutralizar os excesos de confianza e as dúbidas xeradas pola deficiente xestión acometida polo goberno galego durante a última lexislatura.
 
Haberá que ver o nivel de eficacia de semellante folla de ruta. A transmutación daquel Feijoo que repetía -no ano 2020- o de "Galicia, Galicia, Galicia" polos currunchos do País (mentres agachaba todo o posíbel o logotipo do PP) nesta versión 2.0 da liña deseñada polo seu predecesor, Pablo Casado, para evitar que Vox invadira a súa leira electoral é unha operación que ten riscos e que non asegura a repetición da maioría absoluta no Hórreo coa certidume que exhiben os seus promotores.
 
Facer do 18-F unha prolongación do pasado 23-X pode mobilizar a ese sector de votantes que apostan habitualmente pola esquerda de ámbito estatal nos comicios xerais e que se refuxian na abstención nas convocatorias para o Parlamento galego. Nesta ocasión, o incentivo que pode propiciar a participación deses indecisos é moi preciso: acadar a xubilación dese dirixente político -Feijoo- que estaba disposto a gobernar con Abascal pagando o prezo da involución antidemocrática que iso significaba. Todo o mundo sabe, comezando por el mesmo, que se o 19 de Febreiro o PP perde o control da Xunta, a carreira política  de Alberto Núñez terá as horas contadas.
 
Tense afirmado, reiteradamente e con razón, que os cambios nas maiorías parlamentares dependen da combinación dos erros e acertos que acrediten os gobernos e as forzas que aspiren a substituílos. Nesa singular ecuación, o PPdG beneficiouse, dende 2009, das eivas e dos erros exhibidos, alternativamente, por Partido Socialista, BNG, AGE e as Mareas mais que dos éxitos colleitados na gobernanza das institucións galegas. Poderíase facer un repaso concreto do sucedido en 2012, 2016 e 2020 para ilustrar semellante consideración. Desgraciadamente, nesta vindeira cita do mes de Febreiro reaparecen algunhas vellas pantasmas. O rexeitamento de Podemos a unha concorrencia conxunta con Sumar impide maximizar en escanos os eventuais apoios electorais recibidos por esas formacións e, xa que logo, facilita a consecución do obxectivo matemático que busca o PP desesperadamente. E isto ocorre cando o panorama da cita de Febreiro está mais aberto que noutras ocasións debido a que Rueda ten un sumatorio de circunstancias potencialmente adversas: mediocre xestión gobernamental, deficiente capacidade de liderado e presenza nas urnas de dous competidores no seu espazo electoral (a DO de Jácome e Vox) que poden inutilizar un determinado número de votos á hora de computar escanos para o actual partido gobernante.
 
Para derrotar ao PP -que, obviamente, constitúe a condición imprescindíbel para pór en funcionamento unha alternativa de cambio- a oposición necesita transmitir unha dose de ilusión convincente a unha parte significativa do corpo electoral e actuar coa intelixencia política requirida para acadar un obxectivo de tal envergadura. Velaquí a responsabilidade que asumen as formacións que postulan o comezo dunha nova andaina na política galega.

Urna cunha chea de papeletas de votación
Urna cunha chea de papeletas de votación | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.