A CIG acusa o Goberno de "boicot" aos mecanismos de control da Carta Social Europea

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, preguntará sobre este asunto este mércores na sesión de control ao Goberno.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2024 | Actualizada ás 19:34

Comparte esta noticia

A CIG acusou ao Goberno central de "boicot" aos mecanismos de control da Carta Social Europea e de cometer unha "grave intromisión" nas funcións do Comité Europeo de Dereitos Sociais por pedir a recusación "sen fundamento" da experta Carmen Salcedo.
Nun comunicado, a central nacionalista censurou que o Executivo solicitase que Salcedo, membro do Comité Europeo de Dereitos, sexa "apartada de tres reclamacións colectivas".

A CIG cre que se trata dunha actuación "sen precedentes" que "pon en risco e grave perigo o mandato, composición, responsabilidades e métodos de traballo do CEDS", ademais de representar unha "inxerencia no procedemento de supervisión". Considera que "é contraria a dereito en todos os sentidos" e expresa a súa "preocupación" e "perplexidade" por unha petición na que a CIG se ve afectada pola súa reclamación colectiva ao SMI, xa que "é o elemento crave no cálculo da indemnización por despedimento e no abono dos salarios de tramitación".

Por iso, entende que a falta de comunicación "vulnera os principios xurídicos de equidade procesual das partes" e afea que esta "opacidade" non sexa para todos os axentes implicados pois, segundo a CIG, UXT si tivo coñecemento da solicitude do Estado.

Así as cousas, denuncia que o Goberno "privilexia" a uns e "discrimina" a outros a pesar de formar parte do procedemento "vulnerando a Carta Social Europea revisada e os artigos 1 e 2 do Procedemento de Reclamacións colectivas".

PREGUNTA NO CONGRESO

Sobre este asunto preguntará o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, este mércores na sesión de control ao Goberno, ao que reclamará "respectar o dereito de reclamación colectiva sindical e a representatividade da CIG".

Farao na súa pregunta ao ministro da Presidencia, Félix Bolaños, ao que lle esixirá que "deixe de pór paus nas rodas" ás organizacións sindicais como a CIG e "respecte a súa lexitimidade para denunciar ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais o incumprimento polo Estado español da Carta Social Europea" en relación co salario mínimo interprofesional.

"Hai un conxunto de actuacións por parte do Estado español tendentes a dificultar o dereito de reclamación colectiva que son inaceptables e incompatibles co respecto ao traballo sindical", manifestou Rego, quen explica que o que está en cuestión é que o salario mínimo se sitúe "de verdade" no 60 por cento do salario medio, sobre os 1.253 euros ao mes, seguindo os criterios do Comité Europeo de Dereitos Sociais.

Así, preguntará ao ministro se o Goberno "dará marcha atrás" nas prácticas realizadas contra os sindicatos, especialmente a CIG, e "recoñecerá a súa lexitimidade á hora de denunciar o incumprimento polo Estado español da Carta Social Europea" en relación ao SMI.

"Por que o Goberno está a interferir e pondo dificultades para que as organizacións sindicais poidan exercer o dereito de reclamación colectiva ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais?", preguntará Néstor Rego.

Bandeiras da UE na sede da Comisión Europea en Bruxelas
Bandeiras da UE na sede da Comisión Europea en Bruxelas | Fonte: Alexey Vitvisky - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta