Historias da Ulloa 'Altri Non': Negocios prósperos que perderán o seu selo ecolóxico

A cooperativa Milhulloa vería seriamente afectada a súa actividade se a macrocelulosa chega e se sitúa a escasos dous quilómetros. "Quen quere mercar algo que está contaminado, a dous quilómetros dunha macrocelulosa? Pois supoño que ninguén".

Por Amanda Fernández | Lugo | 04/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Desde o Galicia Confidencial continuamos coñecendo historias ligadas á Ulloa e que alzan a voz con ese 'Altri Non'. Chusa Expósito é unha das dúas socias de Milhulloa sociedade cooperativa galega. Levan 23 anos a pé do Camiño de Santiago, toda unha vida nesa contorna. "Eu nacín nesta casa de 1890 e estudei en Melide, vivín ca miña socia Carmela en Santiago onde eu estudei Farmacia e ela Bioloxía. Non sabiamos a que adicarnos e fixemos un curso da EOI de formación de empresa e pensamos nas plantas medicinais que nacían espontaneamente nesta zona", conta Chusa que afirma que isto xa non só é unha cooperativa senón "un modo de vida". Non só tratan plantas medicinais, realizan especias ou infusións, xa que desde 2014 se uniron a granxa Maruxa para sacar a marca comercial de cosmética galega Muuhlloa. "Son de alto nivel ecolóxico, ecoplus, as bases das formulacións realizámolas aquí con plantas, extractos...", afirma. 

Chusa Expósito diante da súa tenda
Chusa Expósito diante da súa tenda | Fonte: Captura de vídeo do Galicia Confidencial

Tendo en conta esta actividade, como vos afecta que poñan unha macrocelulosa a uns dous quilómetros de aquí? "O que vai implicar, o primeiro de todo, que nos van quitar o selo ecolóxico. Desde o momento un, isto vai acabar contaminado, polo que o que botará polas chemineas, afectará ás nosas plantacións, co cal, teriamos que buscarnos outro medio de vida. Non sei a quen lle imos vender as plantas, infusións, especias ou grelos deshidratados, quen quere mercar algo que está contaminado, a dous quilómetros dunha macrocelulosa? Pois supoño que ninguén". 

Situámonos en O Coto, entre Palas de Rei e Melide, e Chusa conta: "Loitouse bastante durante case 20 anos para que se fixera a concentración parcelaria e, por un lado, xa nos afecta o tema da autovía, que a min en concreto me colle 16.000 metros cadrados das dez hectáreas, non é demasiado problema porque é por unha esquina e se fixo toda esa estratexia para salvar as plantas endémicas". E sinala que tendo esto en conta, agora resulta, que "nunha parte do tema de Altri", ven que por diante da casa farían "unha súper mega carretera para pasar camións, non sei se 500 ou 1.000 ao día para facer a fábrica". Isto suporía para a cooperativa perder a pequena tenda que teñen para os peregrinos. "É outra cousa que tampouco entendo, aquí de repente de 'non se moven os marcos' a móvese o Camiño de Santiago". Sinala que ten unha veciña de Seatle que tamén está afectada porque quería montar un cámping e Patrimonio dáballe problemas, así como o concello de Palas e agora, destaca, "resulta que non hai ningún problema para mover o Camiño de Santiago". 

"NON QUERO NIN PENSALO PORQUE ME DAN GANAS DE CHORAR"

Chusa conta que non recibiron información e que todo o que saben é a raíz dos informes de Altri que sairon no DOG. Fai fincapé na loita veciñal que comezaron ao ver que "o que dicían os políticos na prensa" non era o proxecto "que finalmente queren levar a cabo". Neste punto, destaca a importancia da Ulloa, como "unha das zonas máis limpas de toda España". Relata: "Despois de 23 anos aquí traballando en rede co resto da xente de Ulloa para conseguir unha comarca limpa, isto todo non ten sentido", lamenta. Considera que a loita tamén se move a nivel nacional e que xa non é só o pobo galego o que non quere que "no centro, no medio e medio de Galicia, se teña a zona máis contaminada de todas".

"Espero, de todo corazón, que non se leve a cabo, evidentemente. Non teriamos solución, se nos contaminan todo, a que nos imos dedicar? Habería que pechar a empresa e, a verdade, non quero nin pensalo porque me dan ganas de chorar, todos estes 23 anos tirados ao lixo, prefiro non pensalo", expresa coa voz case rota. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 DiegoG

A de negocios de agricultura,gandería,turismo..respetuosos coa natureza que se poderían crear cos 200M de euros que pide a celulosa esa!

1 Ferroviario

Hai xente que non valora o que a Ulloa agora, a ausencia de contaminación, o potencial turístico. pensan que eso é o " atraso" e que o "progreso" e permitir a implamatación dunha megafábrica propia do terceiro mundo. E non será porque non teñan exemplos perto: as celulosas de Marín, Navia en Asturias ou Tolosa no Pais Vasco. Os qued falan de " progreso" deberian ir alí. e cheirar aquelo.