Por Europa Press / Redacción | BILBAO | 29/03/2024 | Actualizada ás 12:14
Representantes de ERC e BNG participarán no Aberri Eguna que EH Bildu celebrará o vindeiro domingo en Pamplona, no que se avogará por "unha república vasca de persoas iguais e libres", e por que os vascos decidan "o seu futuro libre e democraticamente".
A formación soberanista lembrou, nun comunicado, que este ano celebrará, de novo, o Aberri Eguna na capital navarra, onde haberá espazos e actos lúdicos e festivos.
Os actos principais nesta conmemoración do Día da Patria Vasca de EH Bildu consistirán na manifestación que partirá desde os cinemas Golem ás 12.00 horas, e o acto político que se celebrará no parque Antoniutti, unha vez finalice a marcha. Nel intervirá o coordinador xeral de EH Bildu, Arnaldo Otegi.
Xunto aos miles de persoas que prevé que participen este domingo no Aberri Eguna estarán presentes representantes de ERC e BNG. Tras selar e presentar este pasado xoves en Barcelona a coalición 'Agora Repúblicas', que concorrerá ás eleccións europeas do 9 de xuño, a eurodeputada de ERC, Diana Riba, e o responsable de relacións internacionais e da executiva do BNG, Rubén Cela, acompañarán este próximo domingo a EH Bildu no seu Aberri Eguna.
A formación soberanista vasca fixo un chamamento á cidadanía vasca a participar na xornada festiva, e subliñou que o Aberri Eguna será "o momento de reunir e liberar toda a enerxía para construír unha república vasca de persoas iguais e libres". "En Iruñea demostrarase que Euskal Herria é un pobo vivo e que desexa decidir o seu futuro libre e democraticamente", afirmou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.