Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 20/04/2024 | Actualizada ás 14:00
O mundo dos drons é apaixoante. Poñerse unhas gafas de realidade virtual (VR) e botar a voar, así podemos resumir este 'hobby' que xa se considera todo un deporte a día de hoxe e do que Galicia ten grandes referentes, como é o caso de Fabio Rarís, un cesureño que quedou 22 do mundo no campionato desputado o pasado ano en Corea del Sur. "Cando pos as gafas tes unha sensación moi inmersiva, sínteste coma se foses un paxaro sen deixar de estar sentado, e sabendo que non che vai pasar nada aínda que caia o dron ao chan, máis aló de romperche o peto, pero sen ningún dano físico", chancea con nós este mozo. Da súa man descubrimos todos os segredos dun deporte que continúa crecendo ano tras ano.
Fabio comezou a manexar drons case por casualidade. Foi a súa moza a que lle regalou o primeiro, un dron de xoguete, polo Nadal. Con este, "empezoume a picar o 'gusanillo' e púxenme a buscar pola miña conta información por Internet sobre o que se podía facer con el". Foi así como coñeceu o mundo dos drons FPV (First Person View), en primeira persoa, que son "drons que levan unha cámara e que ti manexas cunhas gafas postas, polo que a imaxe que che transmite o dron é case como se foses montado enriba del". Dende eses primeiros pasos pasaron xa sete anos, nos que se autoformou, a través do consumo de vídeos de Youtube e de contido compartido en grupos de Telegram especializados na materia.
Pouco a pouco foi perfeccionando os drons: "comecei a mercar as electrónicas, o motor, a fibra de carbono para facer o marco do dron...", todo iso vendo tutoriais. E é que, aínda que obviamente hai drons que xa se venden feitos e aos que se lle pon a emisora e xa están listos para saír voar, "ao montalos ti podes axustar as compoñentes ao teu propio orzamento e sáeche bastante máis barato". Ao final estás poñendo a man de obra do teu tempo persoal. Cales son as compoñente máis importantes nun dron de cara á competición? Principalmente a electrónica, sobre todo o que ten que ver cos motores e a cámara, o lector de vídeo. Sobre o vídeo, na actualidade hai dous sistemas diferenciados, como explica Fabio, "o dixital, que ten mellor calidade de vídeo; e o analóxico, que aínda con peor calidade ten menos latencia".
Falar de latencia pode que non se entenda moito, pero este mozo explícanos que se chama latencia ao "tempo que tarda a imaxe do dron en chegarte a ti nas gafas". Se o sistema de vídeo analóxico ten menos latencia, quere dicir que a imaxe chega antes, o cal é "moi bo porque se a imaxe tarda moito en chegar pode ser que cando a recibas o dron xa estea estampado na parede". E non se trata dunha esaxeración, senón dunha realidade, porque os drons van realmente rápido, é imposible velos case estando como público nunha destas competicións, pasan por diante dos teus ollos como auténticos fórmula uns. "Cando tes as gafas postas é como se estiveses enriba do dron e non o notas tanto, pero non podes quitalas en ningún momento, porque senón automaticamente o dron cae ao chan", conta Fabio.
UNHA ACELERACIÓN MOI RÁPIDA: DE 0 A 200 KM/H NUN OU DOUS SEGUNDOS
Chegados a este punto, de seguro que te estas preguntando cal é a velocidade que poden acadar en competición estes drons. Fabio dinos que mesmo superan os 180 quilómetros por hora, chegando ata os 200, velocidade que a nós tamén nos deixou sorprendidos, pois hai que ter en conta que a velocidade máxima dun coche de F1 hoxe en día anda nos 330 quilómetros por hora. Ademais, no caso dos drons, "poden poñerse a 200 quilómetros por hora nun ou dous segundos", xa que a súa aceleración é moi rápida. De aí o complexo que resulta manexalos, porque os circuítos de competición non son rectas sen máis, senón que están cheos de obstáculos, o cal nos leva a entender como esta modalidade se considera un dos deportes máis complexos do mundo.
O mozo cesureño cóntanos que "hai todo tipo de circuítos, dende os que son máis ratoneiros, como eu lles chamo, ata os que son máis técnicos, e tamén circuítos que están pensados máis para correr, onde podes acadar a velocidade máxima, moito máis grandes". O que todos teñen en común son os obstáculos, que "poden ser hinchables ou non hinchables". Por poñernos un exemplo, Fabio lembra que no mundial de Corea "os circuítos son enormes, con rectas xigantes, non demasiado técnicos, pero si moi rápidos"; mentres que no Gaelic GP "son circuítos que están dentro dun espazo limitado por unha rede, máis pequenos, pero que adoitan ser máis técnicos, nos que non se acadan as mesmas velocidades a pesares de ir tamén moi rápido".
OS REFLEXOS DUN PILOTO DE F1: "DEBEMOS ANTICIPAR O QUE TEMOS DIANTE"
Como se pode presupoñer, os reflexos dos pilotos de drons como Fabio teñen que ser extremadamente bos, porque hai que estar ao 100 % tanto no momento da saída como durante toda a pilotaxe. Para nós xa se poden equiparar cos reflexos que debe ter un piloto de Fórmula 1 (de feito, hai moitos expertos que xa consideran os campionatos de drons como a F1 do aire), aínda que este mozo, modesto, asegura que "eles entrenan bastante máis ca nós". Con todo, concede que, efectivamente, "hai que ter moi bos reflexos porque debemos anticiparnos sempre ao que vén por diante". Por exemplo, "se ti sabes que tes que xirar por unha porta, antes de que o dron estea entrando por esa porta, aínda que esteas na imaxe aínda na recta, xa tes que estar xirando os controis, porque sempre vai haber un milisegundos de latencia".
No caso de Fabio, que non forma parte dun clube de aeromodelismo como moitos dos pilotos profesionais, o entrenamento é máis complicado: "vou a un sitio apartado da xente, onde non poña en perigo a ninguén, e entreno entre unhas árbores que uso como obstáculos, porque como traballo polas mañáns, ao saír de traballar xa é pola tarde e no inverno, por exemplo, teño moi pouco tempo efectivo para practicar, pois os días son curtos, e non podo perder tempo montando obstáculos que logo tamén teño que determe a recoller cando marcho, porque son zonas públicas nas que non podo deixar o material nin o resto de obstáculos montados". Por sorte, a día de hoxe tamén existen os simuladores de ordenador, "que son unha barbaridade, porque neles non tes que sufrir porque se rompa o dron, nin cargar baterías, nin poñer os obstáculos: encendes o ordenador e xa tes o circuíto montado".
A BATERÍA SÓ DURA UN MINUTO: PARA ENTRENAR LEVA MÁIS DE 20
Outra cousa que pode chamar a atención da parte técnica destes drons é a súa escasa autonomía. Mentres que os que se usan no día a día para gravar por parte de fotógrafos ou cos que xogan os nenos poden superar os 15 minutos, os de competición "non duran nada, nun minuto ou nun minuto e medio xa teñen a batería esgotada". En entrenamento, "poden chegar a dous se vas moi suave", pero "o que buscamos nas carreiras é un dron rápido e lixeiro". Tal é a cousa que este piloto confesa que para entrenar leva máis de 20 baterías cargadas sempre. Como nos explica Fabio, "a batería pesa case máis que o propio dron, porque se o dron pesa uns 250, 260 ou 270 gramos, pois nas competicións ao poñer as luces LED incrementan algo o peso, a batería suporía uns 220 gramos, o chasis serían os 30 ou 40 restantes".
E iso tendo en conta que as cousas foron cambiando moito nos últimos anos. De feito, Fabio, que como dixemos comezou neste deporte fai sete anos, viu como "dun ano para outro as cousas evolucionan moitísimo, sobre todo no que ten que ver coa electrónica, pois antes non aguantaba nada e agora aguanta moitísimo máis". Aínda que tamén valora as melloras "na latencia, porque antes era moito máis acusada e agora reduciuse", así como a mellora "na calidade da imaxe que recibes nas gafas e na imaxe que captan as cámaras". E do mesmo xeito que mellorou a técnica, tamén houbo un incremento no número de adeptos, aínda que este se viu paralizado durante a pandemia.
A COMPETICIÓN GAELIC CONTARÁ POR PRIMEIRA VEZ ESTE ANO CON 8 CARREIRAS
Fabio conta que "antes da covid en España había moita afeción polas carreiras de drons, unha liga na que se participaba por equipos, pero despois da covid non se volveu saber nada máis e esa liga deixouse de facer, tendo en conta que moita xente deixou o 'hobby' nesa época, polo que xa non compensaba facer tantas carreiras". Por sorte, "agora Gaelic colleu forza e aínda que nos anos anteriores só se organizaban dúas carreiras, este ano xa se farán oito, o cal é moito", confesa o piloto cesureño, que será un dos participantes na edición deste ano, que tamén incorpora outra diferenza con respecto ás edicións pasadas: deixase de competir individualmente e pásase a competir en equipos de dúas persoas, cada equipo ten un máximo de catro integrantes pero á hora de competir hai dous na palestra.
Aínda que este ano tamén o nivel subiu moito, porque chegarán competidores de todas as partes do mundo, Fabio amósase confiado: "vai estar difícil, pero imos tentar dárlle caña". O seu palmarés pon o listón moi alto: o ano pasado quedou primeiro nun dos campionatos de Gaelic e segundo noutro e, grazas a esas carreiras, polos puntos acadados, conseguiu clasificarse para ir ao Mundial de Corea, onde quedou de 22 do mundo entre un total duns 120 ou 140 competidores. "Non agardaba eu chegar tan lonxe", confesa. E é que para Fabio os drons seguen a ser o seu 'hobby': "teño amigos que se adican a isto de xeito profesional, realizando gravacións, inspeccións de eólicos ou paneis solares... ao final é unha oportunidade laboral e nunca se sabe, pero polo momento para min só é un 'hobby'".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.