Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2024 | Actualizada ás 14:20
O Concello de Ferrol rectificou a súa decisión de que nos procedementos de licitación que se iniciasen e que, normativamente tivesen que ser obxecto de publicación, a totalidade dos documentos que conformasen o expediente "se redactasen exclusivamente en lingua española".
Así, tras esta decisión do goberno que dirixe José Manuel Rey Varela (PP) con maioría absoluta, o tenente de alcalde e concelleiro de Contratación, Javier Díaz, manifestou este xoves que a administración local seguirá publicando as licitacións nas dúas linguas oficiais de Galicia e que o fará en virtude dunha colaboración coa Xunta.
Os populares escudábanse en que os servizos lingüísticos do Concello de Ferrol "non tiñan capacidade suficiente para atender o exceso de traballo que require a tradución de pregos complexos", polo que, "para traballar sen atrasos, de forma provisional, abriuse a posibilidade, puntualmente, de realizar as licitacións en castelán, tal e como fan noutros concellos de Galicia".
Pero para "poder ofrecerlle á cidadanía estes documentos nas dúas linguas oficiais, castelán e galego, a Xunta e o Concello de Ferrol, estaban xa en contacto para establecer unha colaboración e apoio, que foi pechada nas últimas horas", dixo, despois de que transcendese a instrución na que cinguía á lingua española a publicación desa documentación.
Desta maneira, Díaz asegurou que "o Concello de Ferrol terá proximamente á súa disposición os servizos lingüísticos da Xunta para reforzar esa acción de tradución e, así, sen dilatar os prazos, ofrecer á cidadanía o acceso aos contratos en ambos os idiomas".
PETICIÓN DE RECTIFICACIÓN
Tras coñecerse esta instrución, A Mesa pola Normalización Lingüística mostrou o seu rexeitamento á exclusión do galego destes documentos e instou o goberno local "a rectificar inmediatamente" e a demandar ao Estado "que corrixa a normativa de publicación de contratos".
Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, esta decisión do Concello de Ferrol é consecuencia de "unha interpretación aínda máis restritiva da Directiva Europea do que xa o fai a lexislación do Estado" e que "a solución non está en negar a oficialidade do galego, senón en seguir publicando en galego e en reclamar do Goberno español que permita a publicación orixinal en galego e maiores esforzos para alcanzar a oficialidade do galego na Unión Europea".
Tamén saíron ao paso desta decisión desde os grupos municipais do BNG e de Ferrol en Común. O portavoz da formación nacionalista, Iván Rivas, asegurou que esta decisión "non garante os mínimos dereitos do galego falantes" e, ademais, "demostra que con esta actitude o goberno do PP non ten rubor en pasar por encima do escaso marco normativo que protexe estes dereitos vulnerados reiteradamente en Ferrol".
Desde FeC, o seu portavoz, Jorge Suárez, esta decisión "supón un atentado contra a nosa cultura e a nosa lingua, constriñendo o dereito ao uso da lingua por parte dos funcionarios públicos e incumprindo de forma flagrante a Ordenanza de normalización lingüística". Por iso, esixen que se dite unha instrución no sentido contrario, rectificando a anterior e que se manteña "o galego como lingua vehicular para a redacción de calquera documento administrativo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.