O 40% das persoas que fixeron a enquisa das nosas redes falan sempre en galego

Consulta os resultados completos.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 16/05/2024 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

Emprega a comunidade do Galicia Confidencial normalmente o galego? En que ámbitos? Como ve a situación da lingua? Lanzamos unha enquisa dirixida ás redes sociais, principalmente a Instagram e X, coa que procurabamos ter unha visión xeral e coñecer máis dos usuarios e usuarias que consumen o noso contido. Expoñemos ás principais conclusións tras os resultados. 

Un dos resultados da enquisa
Un dos resultados da enquisa

Coa finalidade de sacar conlusións globais, realizouse unha media entre as porcentaxes obtidas en ambas redes sociais. Así, normalmente, o 40% das persoas que responderon á enquisa falan sempre galego, o 15% fala sempre en castelán, o 30% fala máis castelán que galego e o 15% fala máis galego que castelán. Existe tendencia á coexistencia de ambas linguas. Cando consultamos en que ámbitos falan normalmente galego máis da metade (un 58,82%) recoñecen que coa familia, mentres que cos amigos (un 17,65%) e xa moi por debaixo no ámbito laboral (21,57%) e sorprende o dato do ámbito educativo (1,96%). Isto poderiase deber a que non moita xente da que respondeu está en etapa de formación. 

No ámbito social, un 42% fala sempre en galego; un 25% fala máis castelán que galego; un 13% sempre en castelán e un 19% máis galego que castelán. Por onde lle chega o contido en galego? A traves de que canles? Sinalan por maioría a través das redes sociais (65%), despois pola televisión (20%), seguida da prensa (15%) e en menor medida a radio (5%). Isto podería traducirse xa a vixente situación xeral de consumo. 

E o futuro da lingua? Como ven a situación? Coinciden nunha gran maioría en que cada vez se emprega menos o galego (60%), ou que se emprega pouco (26%). Só un 10% opina que se usa cada vez máis e un 4% sinala que se usa moito. Porén, os datos da seguinte enquisa son alentadores no que se refire ao futuro. Que lingua lle ensinarías aos teus fillos/as? O 67% non dubida en apostar polo galego, seguido dun 27% que optaría por ensinar ambas, tanto galego como castelán a un mesmo nivel; e coinciden nun 3% os segmentos que optarían por ensinar máis castelán que galego ou só castelán. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta