Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2024 | Actualizada ás 14:13
O Goberno galego, na súa reunión deste luns, aprobou o proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, a nova norma que regulará a CRTVG, e que, entre outras novidades, rebaixará a maioría esixida para a elección do director xeral do ente, admitindo que sexa por maioría absoluta tras dúas votacións nas que a esixencia de maioría reforzada non permita alcanzar un acordo. A maiores, o Consello deu luz verde a unha oferta pública de emprego na CRTVG con 19 novas prazas.
Dado este paso coa Lei Audiovisual, do que informou o presidente galego, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior ao Consello da Xunta, só queda pendente o trámite parlamentario desta nova norma coa que se busca adecuar a lei actual, que data de 2011, "aos cambios no audiovisual", así como ao marco regulatorio estatal e europeo.
Coa nova norma, a CRTVG pasará a denominarse Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e terá entre as súas obrigacións a de "liderar a alfabetización mediática e dixital", en colaboración co sistema educativo, para promover o uso responsable da tecnoloxía, estimular a conciencia crítica e facilitar o recoñecemento de noticias falsas.
Ademais, a lei "compromete aos medios públicos como promotores e difusores da produción audiovisual galega", aposta pola produción propia e crea un Consello Asesor de Participación Social e Profesional integrado por 15 membros, dos que 9 serán elixidos por maioría cualificada no Parlamento.
Así mesmo, Alfonso Rueda destacou que a lei garantirá que os medios públicos galegos "producirán e difundirán contidos en galego". "Todo se fará en galego excepto cando se trate de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia no exterior", ratificou.
ELECCIÓN DO DIRECTOR XERAL
Segundo recolle o proxecto desta lei, o Consello de Administración da CRTVG será elixido por maioría de dous terzos dos deputados galegos. De non chegar a consenso, repetirase a votación un mes despois coa esixencia dunha maioría de tres quintos. Tanto neste caso como no do Consello Asesor de Participación Social, a maioría esixida será reforzada.
Con todo, a nova norma rebaixa a esixencia de maioría reforzada para a elección do director xeral. Aínda que se contemplan dúas votacións iniciais iguais, de non chegar a consenso poderase elixir por maioría absoluta simple no seguinte pleno para "evitar situacións de interinidade indefinida". Sobre esta cuestión, Alfonso Rueda apostou por "evitar bloqueos" nun posto que "é necesario para o funcionamento diario" e cuxa ausencia derivaría nun "bloqueo total".
"Poderiamos fixar o mesmo sistema para o tres eleccións, e deixar como último recurso unha maioría absoluta", destacou, incidindo en que se aposta nos Consellos por "tentar chegar a consensos" evitando "chegar a un bloqueo nun posto executivo que ten que estar no día a día". A partir da aprobación desta lei, o Parlamento ten un prazo de tres meses para iniciar o procedemento para a renovación dos órganos de goberno da CRTVG.
NOVA OPE
Noutra orde de cousas, o Consello da Xunta autorizou a convocatoria dunha oferta pública de emprego (OPE) na Corporación de Radio Televisión de Galicia que incluirá 19 prazas, 10 en quenda xeral e nove en promoción interna.
As nove prazas de promoción interna, que serán obxecto dunha convocatoria separada, están destinadas a empregados públicos que xa teñan posto fixo na administración.
Nas de acceso libre, a previsión é a de ofertar dúas prazas de técnico de administración, unha praza de reporteiro gráfico, unha praza de técnico de control, tres prazas de axudante de realización, unha praza de técnico de son, unha praza de técnico de iluminación e unha praza de oficial administrativo.
En canto ás prazas de promoción interna, serán unha de produtor, dous de realizador, dous de redactor, unha de técnico de sistemas, unha de reporteiro gráfico, unha de técnico de control e unha de técnico de son
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.