Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2024 | Actualizada ás 10:58
O BNG acudirá dividio a súa XVIII Asemblea Nacional. Os militantes do BNG poderán votar este domingo, día 1 de decembro, a unha das tres candidaturas presentadas para o Consello Nacional ao non alcanzar unha lista de consenso. En concreto, son a lista oficial, encabezada pola actual portavoz nacional, Ana Pontón;e na que hai afíns a líder nacionalista pero tamén o groso dos dirixentes da UPG; a da deputada Noa Presas, con militantes que veñen do Movemento ao Socialismo, unha excisión da UPG e, sobre todo, da área sindical da CIG; e a do portavoz municipal en Mos, Gustavo Barcia, que integra a cadros locais sen filiacións partidistas dentro do Bloque. O regulamento do Bloque marca que será elixida portavoz nacional a persoa que figure no número uno da lista máis votada.
Ana Pontón lidera unha lista na que se rodea de referentes do BNG, sobre todo afíns a ela e tamén dirixentes do partido hexemónico no Bloque, a UPG, ao que tamén pertence a propia Pontón. A candidatura ten como número dous á alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín. No tres figura a actual responsable de Organización, Lucía López, no cuarto a deputada autonómica Olalla Rodil e no cinco o parlamentario no Congreso, Néstor Rego. Xunto a Pontón figuran outros cargos institucionais como a senadora Carme da Silva; a eurodeputada Ana Miranda; os parlamentarios autonómicos Luís Bará, Montse Prado, Daniel Pérez, Iago Tabarés e Daniel Castro; alcaldes como Leticia Santos (Moaña), María González Albert (A Rúa), Manuel Lourenzo (Soutomaior).
Tamén destacan militantes que ostentaron responsabilidades orgánicas na formación como Guillerme Vázquez, que chegou a ocupar a portavocía nacional, e o que foi responsable de organización, Bieito Lobeira; ademais do actual secretario de Comunicación, Xavier Campos. Con todo, entre os nomes non figura un dos actuais integrantes da dirección, Rubén Cela. Curiosamente, a UPG respalda a lista oficial a pesar de ser moi crítico coa propia voceira nacional. Esta mesma semana fixo público un documento no que criticaba o excesivo presidencialismo de Ana Pontón e, tamén, lamentaba que este non fora quen de chegar a unha lista de unidade. Lista de unidade que, finalmente, non se deu.
LISTA DE NOA PRESAS, 'EN MOVEMENTO'
Noa Presas, membro do colectivo interno Movemento Arredistas, antes Movemento Galego ao Socialismo, encabeza a candidatura 'En Movemento'. Aínda que o regulamento permite que se poidan presentar candidaturas cun mínimo de 15 nomes, a parlamentaria autonómica presentou, do mesmo xeito que Pontón, unha lista completa, conformada por 50 persoas.
Entre elas, están o concelleiro coruñés David Soto no número dous, e Xulio Conde, militante que concorreu no número 11 da lista do BNG pola Coruña ás autonómicas, no tres. Na candidatura aparecen nomes de sindicalistas da CIG como Anxo Noceda e Manuel Simón, así como portavoces e militantes de distintas localidades de todo o territorio galego. Pola súa banda, o portavoz municipal no Mos, Gustavo Barcia, encabeza a terceira das candidaturas 'Alicerce'. Está conformada por 25 persoas tamén inclúe a persoas de diferentes localidades de Galicia.
VOTACIÓN
No caso de que non se lleguase a un acordo para unha candidatura única antes da propia asemblea, o regulamento interno do BNG contempla que a elección sexa efectuada por votación na Asemblea Nacional de forma secreta e en urna. Ademais, procederase a unha distribución directamente proporcional aos votos alcanzados por cada lisa. Tras iso, a executiva nacional estará conformada consonte aos previsto estatutariamente. Así, mentres que se só houbese unha candidatura esta conformaríase dos 19 primeiros membros da lista, no caso de haber varias, serán repartidas proporcionalmente ao apoio obtido polas candidaturas presentadas para o Consello Nacional e seguindo a orde de cada lista.
PONTÓN REIVINDICA O SEU LIDERADO Á FRONTE DUN BNG "MÁIS FORTE"
A líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, reivindicou este domingo o seu liderado á fronte dun BNG "máis forte" no "organizativo", o "social" e o "electoral" e avisou á militancia de que "non hai nada máis revolucionario que chegar ao goberno". No seu discurso na apertura da XVIII Asemblea Nacional que o Bloque celebra no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, situou ao BNG nun "momento histórico" e afirmou que "non hai nada máis revolucionario que chegar ao goberno para crear un escenario capaz de frear o espolio, normalizar a lingua, pór o país a producir e conseguir un concerto económico ou uns novo estatutos de nación que mellora a vida dos galegos e galegas".
Para iso, sostivo que "só hai un camiño" e que pasa por "seguir sumando a máis persoas ao proxecto común". E é que, segundo indicou, nestes últimos anos, con máis de 1.400 novas incorporacións desde a última asemblea, o BNG conseguiu chegar cunha "política nacionalista a amplos sectores da sociedade galega". E iso, segundo indicou, "é o que pon nervioso ao PP, que sabe que en Galicia hai un rival, o BNG". "Pois que o teñan claro, imos a por todas, todos a un tempo, a por todas", proclamou. Ante máis dun milleiro de militantes de todo o territorio galego e no arranque do máximo órgano de decisión do BNG, Pontón puxo en valor o momento que vive a formación, que atribuíu á "valentía" das decisións colectivas tomadas cando había quen situaba ao Bloque como "un barco á deriva con risco de afundirse".
"Desde fóra e desde dentro había quen daba ao BNG por morto e amortizado. Había quen propuña que nos retirásemos aos cuarteis de inverno, pensando que o barco do BNG non resistiría as tempestades da invernía", sostivo. Neste contexto, e en alusión ás mareas e proseguindo co símil naval, sinalou que había persoas que "propuñan buscar un remolcador de empresa" para que os leva directamente "ao despezamento". Con todo, dixo que "oito anos despois, nin retirado nin despezado. Con máis iniciativa e impulso está o BNG", subliñou. Dixo que este "espectacular avance" débese á liña política posta en marcha en 2016 pola formación (ano no que a política natural de Sarria asumiu as rendas do Bloque na Asemblea que a organización celebrou no Palexco da Coruña). "Unha liña clara e actualizada, unha forma diferente de facer política, firme pero amable, empatizando cos problemas e aspiracións da cidadanía que nos está permitindo chegar a máis sectores da sociedade de galega", afirmou.
DISPUTAR A HEXEMONÍA AO PP
Pontón sostivo que este logro non lle fai caer ao BNG nin no conformismo nin na comparecencia, porque o obxectivo non é limitarse a sumar máis deputados e deputadas, senón disputar a hexemonía ao PP para liderar o goberno do país en 2028. "Imos a por todas cun BNG que hoxe é unha organización sólida e estable, coas portas abertas de par en par á sociedade, porque todas as persoas que cren neste país, que traballan e loitan para levantalo, todas, absolutamente todas, teñen cambio no BNG", subliñou para deixar claro que a tarefa prioritaria é "seguir dirixíndose á sociedade coas mans abertas, cun sorriso na boca, con propostas claras e sen porse límites".
Pontón finalizou o seu discurso cun recoñecemento expreso ao traballo das mulleres do BNG, ao sinalar que o "espectacular avance" da formación coincide cun momento no que as mulleres asumen a parte que lles corresponde nos postos de responsabilidade". Ademais, deixou claro que o BNG é unha fronte "patriótica de afiliación individual". "De tal modo que, sen discutir nin minusvalorar aos colectivos, todas e cada unha das persoas que forman o Bloque están en igualdade de condicións e unha das tarefas prioritarias da organización debe ser incorporar á máxima actividade política a todas as persoas que conforman o Bloque Nacionalista Galego". Ao redor das 10.30 horas deste domingo e tras a aprobación do regulamento da Asemblea e da reprodución do Himno Galego, Pontón foi a encargada de pronunciar o discurso de apertura, no que asegurou que os cambios "ás veces tardan en chegar máis do que deberían, pero chegarán".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.