Galicia convértese na primeira comunidade en regular o emprego da Intelixencia Artificial

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión deste luns o proxecto de Lei de Intelixencia Artificial de Galicia, unha norma coa que a comunidade se converte na primeira en España e na primeira rexión europea en regular por lei esta tecnoloxía para potenciala e, á súa vez, facela "ética e segura" para a poboación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2024 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión deste luns o proxecto de Lei de Intelixencia Artificial de Galicia, unha norma coa que se converte na primeira comunidade en España e na primeira rexión europea en regular por lei esta tecnoloxía para potenciala e, á súa vez, facela "ética e segura" para a poboación.

Así o explicaron tanto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, que compareceron tras a reunión do Goberno galego para detallar os pormenores desta norma da que agora só resta o trámite parlamentario.

A intención deste proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, como se denomina, é aproveitar os beneficios desta tecnoloxía para a Comunidade, regular por lei "o deseño, adquisición e distribución" da mesma en Galicia e garantir un uso "que salvagarde os dereitos das persoas", dixo Miguel Corgos.

De feito, a intención é que o desenvolvemento da IA en Galicia sexa "ético, seguro, fiable e centrado nas persoas", engadiu Corgos, que mencionou a creación de acordo con esta lei da figura do Comisionado en Intelixencia Artificial para "velar polos intereses da cidadanía" e os "valores éticos dos sistemas".

As actuacións da Administración galega e do seu sector público que impliquen o uso desta tecnoloxía deberán contar cun informe de proxecto de IA que, ademais de describir o seu funcionamento e características detalladas, incluirá unha avaliación de impacto relativo aos dereitos fundamentais das persoas, de acordo co modelo da Oficina Europea de IA.

A lei, engadiu o conselleiro, tamén prevé a "supervisión humana" en todos os procedementos administrativos que empreguen esta tecnoloxía sempre que sexa necesaria ou solicitada por calquera persoa implicada.

Para velar polo cumprimento dos seus principios, a lei regula a creación de novos órganos, como a Oficina de Intelixencia Artificial de Galicia ou o Consello Galego de Intelixencia Artificial, que velará pola prevención, detección e eliminación de riscos e resultados negativos; ou o inventario de sistemas de IA, que reflectirá o ciclo de vida de cada sistema.

APLICACIÓNS NA ADMINISTRACIÓN

O uso desta tecnoloxía, sinalou Corgos, permitirá, por exemplo, reducir ata unha terceira parte as lesións que poden pasar desapercibidas nunha lectura convencional das mamografías para a detección de cancro de mama, así como poder analizar un maior número de probas en menor tempo.

Tamén se emprega a IA para axudar a persoas a atopar emprego, ao relacionar oferta e demanda laboral a través dunha ferramenta pioneira en España e Europa, que permitirá realizar o perfilado competencial de 70.000 persoas ata setembro de 2025.

Esta tecnoloxía, engade a Xunta, "está a ser especialmente útil" para a xestión do medio rural e a redución das diferenzas con respecto a zonas urbanas". O Goberno galego ten en marcha o desenvolvemento dun sistema de inspeccións intelixentes avanzadas no marco da PAC que permitirá aumentar o seu número así como a súa eficiencia. Tamén se usa a IA para detección de incendios forestais e predición da súa evolución ou para reducir tempos na tramitación administrativa.

SECTORES PRODUTIVOS

A lei recoñecerá o carácter de sector estratéxico para as empresas cuxa actividade teña relación directa con esta tecnoloxía.

Entre as medidas para a promoción da IA nos sectores privados, a lei impulsará a creación de factorías de intelixencia artificial ao redor do Centro de Supercomputación de Galicia.

Estas factorías estarán abertas a empresas emerxentes ou a calquera axente do ecosistema da IA que necesite desenvolver, adestrar e validade sistemas.

Tamén facultará a creación dun sistema de vixilancia tecnolóxica en intelixencia artificial para as empresas e regulará a creación de programas de incubación, aceleración e consolidación de startups en IA.

Rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta
Rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta | Fonte: Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta