Que pasa no rural?... Os vinte anos nos que Galicia pasou de tres concellos sen vacas a ser 114

Fai 20 anos Galicia contaba con 67.628 granxas; fai 10, estas caeran xa ata as 40.653 (-26.975, un 39,89 % menos); e, o pasado 2023, xa só quedaban en pé 26.256 (con respecto ao 2003: -41.372, un 61,18 % menos; e con respecto ao 2013: -14.397, un 35,41 % menos). O GC analiza os datos de explotacións gandeiras e vacas de muxidura aportados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) entre o 2003 e o 2023.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 27/11/2024 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Galicia é unha terra predominantemente rural, ou alo menos iso é o que sempre se di. Sen embargo, o efecto da despoboación e do avellentamento da sociedade nos últimos anos resulta innegable. Ducias de aldeas perden aos seus únicos veciños e quedan totalmente deshabitadas a cada ano que pasa, leiras que nalgún tempo foron cultivadas permanecen ocultas entre silveiras e toxos e a maior parte dos galegos concéntranse nas grandes cidades e nas súas respectivas 'cidades dormitorio'. Aínda que, estatísticamente, hai moitas formas de medir esta realidade, dende o Galicia Confidencial hoxe tráemosche unha ben orixinal pero moi ilustrativa: a perda do número de explotacións gandeiras e do número de vacas de muxidura. Nun momento no que o prezo do leite que se paga aos nosos gandeiros é o máis baixo do país, queremos poñer de manifesto como este maltrato continuo aos intereses do noso sector primario está a facer que, aos poucos, se vaia perdendo, aqueixado de gastos moi superiores aos ingresos e de falta de atractivo para os máis novos. Botamos man dos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Un gandeiro xunto a vacas dunha gandaría de lácteo en Sabadelle, a 7 de agosto de 2023, en Chantada
Un gandeiro xunto a vacas dunha gandaría de lácteo en Sabadelle, a 7 de agosto de 2023, en Chantada | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

NO 2003 O 99,4 % DOS CONCELLOS GALEGOS ERAN PRODUTORES DE LEITE; NO 2023 XA O ERAN UNICAMENTE O 63,58 %

O volume total de vacas de muxidura en Galicia reduciuse notablemente nos últimos 20 anos (con datos publicados polo IGE ata o pasado 2023). Así, se no 2003 había censadas 488.015 vacas destinadas á produción de leite; no 2013 xa caeran a 324.726 (-163.289, un 33,46 % menos); e no 2023 quedaron reducidas a 304.930 (con respecto ao 2023, -19.796, un 6,1 % menos; e con respecto ao 2003, -183.085, un 37,52 % menos). Isto significa que nos últimos vinte anos perdéronse 4 de cada 10 vacas de muxidura que había en Galicia, aínda que tamén se pode observar que nos últimos dez a tendencia ao descenso foise mesurando, xa non tan acusada como a comezos de século. Aínda con todo, outro dato que nos ilustra moi ben a perda de viabilidade dun negocio tan tradicional na nosa terra como é a gandaría láctea, obsérvase no número de concellos que foron quedando sen vacas de muxidura entre o 2003 e o 2023: nada menos que 111, pasando de ser unicamente 3 a 114 (-96,58 %). De tal maneira que antes podíase dicir que o 99,4 % dos municipios de Galicia eran produtores de leite, en maior ou menor medida; mentres que, agora, sono unicamente o 63,58 % (antes había vacas de muxidura en 9 de cada 10 concellos e agora en 6 de cada 10). Así, fai vinte anos só había tres concellos en Galicia que carecían de vacas produtoras de leite: Beade, O Bolo e Larouco, ambos os tres na provincia de Ourense, historicamente xa de por si a que conta con menor tradición láctea.

Fai 10, sen embargo, esa cifra xa crecera considerablemente, ata os 83 concellos sen vacas para leite, xa máis repartidos por todas as provincias, aínda que segue predominando a súa falta na de Ourense: A Coruña, Sada, Corcubión, Muros, Porto do Son, Cariño, Camariñas, Cervantes, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Burela, O Vicedo, Viveiro, Muras, Folgoso do Courel, Ribas de Sil, Baños de Molgas, Paderne de Allariz, Beade, Entrimo, Muíños, Beariz, Boborás, Punxín, Os Blancos, Esgos, Calvos de Randín, Porqueira, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Negueira de Muñiz, Ourense, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Toén, A Arnoia, Avión, Beade, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Ribadavia, Gomesende, Padrenda, Pontevedra, Quintela de Leirado, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives, O Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga, Vilamartín de Valdeorras, Castrelo do Val, Cualedro, Monterrei, Oímbra, Verín, A Guarda, Catoira, Mondariz-Balneario, As Neves, Salvaterra de Miño, Bueu, Cangas, Arbo, Covelo, Crecente, Barro, Poio, Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Baiona, Gondomar e Salceda de Caselas.

E na actualidade (cos datos actualizados ata 2023), son xa 114 os concellos sen vacas de muxidura: A Pobra do Caramiñal, Ribeira, A Coruña, Oleiros, Sada, Cedeira, Fene, Corcubión, Fisterra, Carnota, Muros, Noia, Porto do Son, Cariño, Dodro, Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Negueira de Muñiz, Rábade, Burela, Cervo, O Vicedo, Viveiro, Xove, Folgoso do Courel, Ribas de Sil, Muras, Paderne de Allariz, Xunqueira de Espadanedo, Entreimo, Bande, Lobeira, Lobios, Muíños, Beariz, Boborás, O Carballiño, Punxín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Trasmiras, Vilar de Santos, Vilar de Barrio, Amoeiro, Barbadás, Esgos, Nogueira de Ramuín, Ourense, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Toén, A Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Ribadavia, Parada de Sil, A Teixeira, A Bola, Gomesende, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás, Verea, San Xoán de Río, O Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga, Vilamartín de Valdeorras, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Verín, A Gudiña, Vilariño de Conso, A Guarda, Oia, O Rosal, Catoira, Pontecesures, Mondariz-Balneario, As Neves, Cangas, Marín, Arbo, A Cañiza, Crecente, Poio, Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Baiona, Gondomar, Soutomaior, Redondela, Salceda de Caselas, O Porriño e Nigrán.

Muxido das vacas
Muxido das vacas | Fonte: Arquivo

CATRO CONCELLOS SUPERAN AS 10.000 VACAS CENSADAS: LALÍN, MAZARICOS, A PASTORIZA E SANTA COMBA

Deste xeito, na actualidade, o reparto de vacas de muxidura por provincias é a seguinte: Lugo ten 137.303 vacas produtoras de leite censadas; A Coruña, 131.231; Pontevedra, 34.777; e Ourense, 1.619. Dentro da provincia da Coruña, as comarcas máis prósperas neste aspecto serían a de Ordes (32.449 vacas de muxidura), a de Xallas (22.432) e a de Arzúa (15.495). Na de Lugo serían a comarca da Terra Chá (41.220), a de Lugo (28.512) e a de Sarria (19.979). Na de Ourense estarían en cabeza as comarcas de Allariz-Maceda (615 vacas de muxidura), A Limia (548) e O Carballiño (243). E na de Pontevedra encabezaría o listado a comarca do Deza (30.887 vacas produtoras de leite), Tabeirós-Terra de Montes (3.727) e, xa moi lonxe, Caldas (108). Con todo, como veremos máis adiante, isto non significa que nestas localidades tamén haxa moitas explotacións gandeiras, pois non existe unha relación directo, porque nos últimos tempos as granxas que non pecharon as súas portas víronse obrigadas a medrar en número de animais para poder seguir sendo rendibles.

Falando xa de concellos, hai catro municipios en Galicia que superan no seu censo as 10.000 vacas empregadas no sector lácteo: Lalín, na comarca do Deza, con 12.442 vacas de muxidura (datos do 2023); Mazaricos, na comarca de Xallas, con 12.420; A Pastoriza, na comarca da Terra Chá, con 11.248; e Santa Comba, tamén na comarca de Xallas, con 10.012. E aínda que evidentemente se trata de moi boas cifras, tamén caeron nos últimos 20 anos. Así, botando a vista atrás, o concello de Lalín contaba no ano 2003 con 16.633 vacas de muxidura rexistradas (4.191 máis que na actualidade); aínda que medrou un pouco na última década, xa que, no 2013, contaba con 12.405 vacas leiteiras (37 menos que no 2023), tamén por esa tendencia das explotacións existentes a medrar. Pola súa banda, en Mazaricos había no ano 2003 un total de 13.773 vacas de muxidura (1.353 máis que agora); e, igual que aconteceu con Lalín, medrou en número deste tipo de gando na última década, xa que no 2013 tiña 9.783 vacas leiteiras (2.637 menos que na actualidade). No caso da Pastoriza, no 2003 albergaba no seu territorio 16.280 vacas produtoras de leite (5.032 máis que no 2023); e, no 2013, contaba con 11.467 (219 máis). Xa no último caso, en Santa Comba había no 2003 un total de 14.985 vacas leiteiras (4.973 máis que agora); e, no 2013, eran 10.099 (87 máis).

SÓ 5 CONCELLOS CARECEN NA ACTUALIDADE DE EXPLOTACIÓNS GANDEIRAS: A ILLA DE AROUSA, RUBIÁ, RIBADAVIA, AVIÓN E TOÉN

Se atendemos agora á evolución do número de explotacións gandeiras bovinas (xa sexan de leite ou de carne, pois o IGE non fai unha diferenciación entre ambos sectores), atopámonos con que estas caeron nos últimos 20 anos en moita maior medida que o número de vacas, especialmente nos últimos tempos. Como pode ser que haxa moitas menos granxas pero que, na última década, o número de animais se manteña máis ou menos estable, con baixadas máis lixeiras? Precisamente porque as explotacións que seguen abertas tiveron que incrementar o número de cabezas de gando para poder obter a mesma rendibilidade que no pasado. Así están as cousas. Fai 20 anos Galicia contaba con 67.628 granxas; fai 10, estas caeran xa ata as 40.653 (-26.975, un 39,89 % menos); e, o pasado 2023, xa só quedaban en pé 26.256 (con respecto ao 2003: -41.372, un 61,18 % menos; e con respecto ao 2013: -14.397, un 35,41 % menos). Isto supón que nos últimos 20 anos pecharon a porta seis de cada 10 explotacións gandeiras en Galicia.

Na actualidade, esas 26.256 que resisten abertas, sobredimensionadas, distribúense de forma desigual por provincias: na de Lugo hai 10.697 destas granxas; na da Coruña, 8.770; na de Pontevedra, 5.179; e na de Ourense, 1.610. Dentro da provincia da Coruña, as comarcas que teñen maior número de explotacións (con datos do 2023) son a de Ordes (1.305 granxas para albergar 32.449 vacas); a de Arzúa (834 granxas para 15.495 vacas); e a de Terra de Melide (782 explotacións para 5.984 vacas). Na provincia de Lugo, ocuparían os primeiros postos do listado as comarcas de Terra Chá (2.568 granxas para acoller nada menos que 41.220 vacas); Lugo (1.849 granxas para 28.512 vacas); e Sarria (1.459 granxas para 19.979 vacas). No caso da provincia de Ourense estarían a comarca de Viana (181 granxas para 114 vacas); a da Limia (179 explotacións para 548 vacas); e a do Carballiño (175 granxas para 243 vacas). Finalmente, no caso da provincia de Pontevedra, as comarcas con maior número de explotacións serían a de Deza (1.869 granxas que acollen 30.887 vacas); a de Vigo (695 granxas, pero só 9 vacas); e a de Pontevedra (588 explotacións gandeiras, pero só 15 vacas). Como vemos, chaman moito a atención casos como o da comarca da Terra Chá, onde 41.220 vacas de muxidura se teñen que repartir entre 2.568 granxas, o que daría a unha media de 16 vacas por granxa; ou o de Ordes, con 32.449 vacas e só 1.305 explotacións, o que deixaría un reparto medio de case 25 vacas leiteiras por granxa.

Así mesmo, cómpre destacar que moi ao contrario do que pasaba coas vacas de muxidura, en Galicia na actualidade (segundo os últimos datos ofrecidos polo IGE) só hai 5 concellos que carecen de explotación gandeiras: A Illa de Arousa, Rubiá, Ribadavia, Avión e Toén; aínda que ben é certo que no 2003 só había un concello galego sen granxas: Beade; e que no 2013 eran, como no 2023, cinco concellos, pero ben diferentes aos que son agora: A Arnoia, Beade, Pontedeva, Larouco e Mondariz-Balneario. Finalmente, destacar cales son actualmente os concellos que albergan maior número de explotacións en Galicia: Lalín, na comarca do Deza, con 612 granxas (para 12.442 vacas de muxidura); Vilalba, na comarca de Terra Chá, con 577 granxas (para 3.690 vacas); e Lugo, na comarca homónima, con 444 explotacións gandeiras (para 6.207 vacas). E, aínda que son moitas as explotacións nestes concellos, non está demais lembrar que no pasado foron moitas máis. Así, en Lalín no 2003 había 1.294 granxas (682 máis que agora, máis do dobre); e, no 2013, eran 904 (292 máis). No caso de Vilalba, no 2003 albergaba 1.341 explotacións gandeiras (764 máis que agora, moito máis do dobre); e, no 2013, un total de 837 (260 máis). Finalmente, o concello de Lugo tiña no 2003 un total de 866 granxas (422 máis que no 2023); e, no 2013, contaba con 600 (156 máis que na actualidade).

Muxindo as vacas
Muxindo as vacas | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta