O director do proxecto do Álvaro Cunqueiro nega sobrecustos e redución da superficie construída: "Fixemos máis metros"

Defende que as habitacións "se poden dobrar" por se son necesarias máis camas, pero que iso o decide a Administración.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 02/12/2024 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O director do proxecto do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Santiago Pérez, defendeu este luns que "en ningún momento" houbo sobrecustos no levantamento das infraestruturas, á vez que negou que se reducise a superficie construída durante as obras, á marxe do que ocorrese coa superficie útil. Pérez, quen cesou hai uns meses como presidente da UTE Sociedade Novo Hospital de Vigo, compareceu por videoconferencia na comisión de investigación da contratación da Xunta que se constituíu no Parlamento galego tamén para abordar a construción do Álvaro Cunqueiro, especialmente tras o informe de Consello de Contas que cifrou en 470 millóns de euros o que custou de máis o hospital por non licitarse obras e servizos por separado.

Durante o debate, a oposición formulou diversas preguntas na liña das últimas xornadas da comisión. Óscar Ínsua, do BNG, preguntou sobre o "sobrecusto" de case 8 millóns de euros que inclúe a concesionaria no proxecto técnico, por diversas incidencias na execución. A isto sumou outro informe de 2012, da propia Consellería de Sanidade, desvelado a semana pasada polo Bloque (que segue dicindo ao PP "que o pida" á Xunta desde a comisión) que apunta que a redacción de superficie entre o proxecto básico e o de execución supuxo unha "modificación da valoración económica" do contrato duns 30 millóns.

O nacionalista tamén preguntou se "alguén lles dixo que contratasen con Eulen", empresa que no Noroeste dirixe Micaela Núñez Feijóo, irmá do expresidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo. Pola súa banda, a deputada do PSdeG Elena Espinosa tamén preguntou sobre os "reparos" de legalidade que fai Contas con respecto á extensión da concesión a outros servizos dos hospitais Nicolás Pena e Meixoeiro, onde "non houbo actividade construtiva". Ademais, a socialista interpelou sobre por que o hospital "quedou con menos camas, menos quirófanos e un hospital de día que non cumpre as condicións" previstas.

UN PANORAMA ECONÓMICO "MOI COMPLEXO"

O director do proxecto explicou que á UTE constituída para o concurso público custoulle "moitísimo" conseguir o financiamento necesario para presentarse, dado o panorama económico "moi complexo" que deixara a crise de 2008. Unha vez asinado o contrato, en febreiro de 2011, a construción fíxose en base ao plan funcional que lle "entrega a Administración". Recoñeceu un atraso nas obras porque non había nin uns accesos adecuados nin servizo eléctrico, pero negou que isto supuxese un aumento do prazo de concesión por 20 anos, xa que este empezou a contar a partir da posta en servizo do hospital, en setembro de 2015. Así mesmo, afirmou que "xa se contempla no prego" que se prestarían tamén os servizos do Nicolás Pena e do Meixoeiro. En canto ás dúas modificacións da superficie útil, a primeira (duns 11.000 metros cadrados menos) se fai "antes da licitación", no prego de prescricións técnicas, e por tanto a redución orzamentaria está contemplada de antes.

"FIXEMOS MÁIS"

Tamén sinalou que a redución da superficie útil (case 12.000 metros cadrados) durante a construción débese ao plan funcional que deseña o Sergas, que "non é" a súa competencia: "A nós dinnos que temos que construír 271.000 metros cadrados como mínimo e facemos 275.000. Non é que fixésemos o proxecto, é que fixemos máis metros". "Os metros que contan son os construídos. Os que ti constrúes son os que che custan", resumiu, para sinalar que falar unicamente de superficie útil "é moi ambiguo". Do mesmo xeito, negou que a UTE fixese menos camas que as previstas. Neste sentido, explicou que hai habitacións "que se poden dobrar" para albergar máis camas, pero é algo que atribuíu a decisións da Administración. 

Comparecencia na comisión de investigación dos contratos da Xunta do director do proxecto do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Santiago Pérez
Comparecencia na comisión de investigación dos contratos da Xunta do director do proxecto do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Santiago Pérez | Fonte: PARLAMENTO DE GALICIA

Sobre a contratación con Eulen, Pérez respondeu que entrou en servizo "este último ano" e que "non houbo presións de ninguén", senón que se lle adxudicou a seguridade por ser a súa oferta "un 4,5 por cento máis barata" que o resto. Por parte do PP, o deputado Roberto Rodríguez saudou as intervencións do director do proxecto para confirmar as "dificultades" que había naquela época para acceder a financiamento". "Había dúas alternativas" para construír o Álvaro Cunqueiro: "Ou non facelo, ou facelo co modelo de financiamento co que se fixo". Ademais, dá por "resolto" o debate sobre o "teórico sobrecusto", ao non haber "alternativa na práctica" para construír o hospital; e subliñou que o seguimento do contrato, tanto na fase de obras como na de execución, foi "exemplar".

XERENTE DA ÁREA DE VIGO

Tamén compareceu na comisión o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, quen confirmou que en 2015, coa entrada en funcionamento do novo hospital, prodúcese "un cambio importantísimo na estrutura e a funcionalidade" da propia área. Durante o debate, respondeu ante a oposición que o plan funcional deseñado polo Sergas "cumpriuse" integramente e que o seguimento da concesión coa adxudicataria "está perfectamente regulado". De feito, Puente (que asumiu este ano a Xerencia da área) explicou que a comunicación coa empresa realízase a través dun sistema informático que o ano pasado xerou 90.000 interaccións.

ANA PONTÓN

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que o "boicot" do PP á comisión de investigación sobre a contratación da Xunta conformada no Parlamento de Galicia, é "toda unha declaración de culpabilidade". En declaracións aos medios este luns tras celebrar a primeira reunión da nova Executiva Nacional do BNG, a portavoz do Bloque incidiu no "evidente nerviosismo" do Partido Popular respecto desta comisión. "Se eles non tivesen nada que ocultar, non vetarían toda a documentación que solicitou o BNG e non vetarían as comparecencias que nós solicitamos", esgrimiu.

Ademais, afeou a actitude do expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por "vetar a súa comparecencia" para explicar a súa xestión e por que durante a etapa na que el era presidente "beneficiouse con contratos millonarios á empresa da que é directivo o seu cuñado ou o sobrecusto pola construción privatizada do hospital de Vigo", subliñou. Así, insistiu en que os populares "levan quince anos utilizando con total opacidade os fondos públicos para beneficiar a empresas de familiares" e que o paso que vai seguir o BNG é "defender o dereito da cidadanía gallga a saber a verdade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta