Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/12/2024 | Actualizada ás 15:20
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu este luns da dificultade que existe para que todos os grupos se poñan de acordo a favor dun gran pacto polo galego. Un pacto para o que o conselleiro de Cultura, José López, leva días reuníndose con distintos actores culturais, políticos e lingüísticos.
Precisamente, no último encontro que mantivo co BNG, as posturas seguen moi encontradas. O único punto no que populares e nacionalistas están dacordo é en modificar a Lei de Normalización Lingüística, pero os nacionalistas van máis alá e piden tamén a derogación do Decreto do Bilingüismo de Feijóo.
"Esa é a postura de negación do BNG, non a todo. Se non se fai como eles din, non hai consenso, e se non se deroga o decreto pois non hai acordo. Así é moi difícil chegar a acordos", dixo Rueda. De feito, o líder popular foi contundente sobre o futuro deste acordo. "Así é moi difícil o acordo se non hai cesións", suliñou.
E neste sentido, criticou que un partido que ten "menos representación" que o Partido Popular, "que gañou as eleccións", queira "impoñer" a súa política. "Para chegar a acordos hai que facelo doutra maneira", dixo.
A MESA CONTRA A NOVA LEI DE MEDIOS PÚBLICOS
A Mesa pola Normalización Lingüística alerta de que a lei de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, que este luns recibiu o visto e prace do Consello da Xunta e remitirase ao Parlamento para a súa aprobación definitiva, "reduce aínda máis a anecdótica oferta do 0,9 por cento" de contidos televisivos en galego.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, refírese ao artigo 7 desta polémica norma que abre a posibilidade de empregar outras linguas, ademais do galego, para as producións da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) "cando así o xustifique a finalidade de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fose do territorio".
Maceira denuncia, a través dun comunicado, que se "pretende esquecer o papel central que os medios públicos galegos teñen na normalización" do idioma, a pesar do amplo apoio social de propostas como a 'Iniciativa Xabarín'", que A Mesa levou ao Parlamento galego con 30.000 firmas e que resultou aprobada por unanimidade.
O presidente deste organismo volve cargar contra a Xunta porque, "mentres di estar a promover un pacto polo galego", continúa "eliminando calquera uso e presenza do galego" na sociedade, "por mínima que sexa".
"Queren expulsar máis o galego da única televisión onde se usa", insiste Maceira, á vez que denuncia que a Xunta se "nega a recibir" á entidade que dirixe no marco dese novo pacto pola lingua. Finalmente, A Mesa pola Normalización fai un chamamento a apoiar a iniciativa lexislativa popular 'Liberemos a Galega'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.