A Xunta anuncia recursos contra o Goberno central se non se traspasan as competencias de metereoloxía

Anuncia que tramitará unha lei propia de meteoroloxía.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2024 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou que a Xunta tramitará unha lei propia de meteoroloxía se o Goberno central non traspasa á administración autonómica as competencias neste ámbito. Así o avanzou este martes na súa comparecencia, a petición propia, no Parlamento de Galicia, onde asegurou que, de non traspasar esas competencias a Galicia, seguirán "os mesmos pasos" que coa lei do litoral.

Vázquez reivindicou que o Goberno galego quere "avanzar nas alertas temperás de fenómenos", así como "profundar no seu coñecemento e sensibilizar á cidadanía e administracións para responder adecuadamente". "O noso servizo está moi ben preparado", subliñou. Nesta liña, a titular de Cambio Climático destacou que Meteogalicia conta con 160 estacións, "case o triplo das que ten a AEMET", ademais de contar cun "radar meteorolóxico propio", cunha "rede de detección de raios", acceso a Meteosat e un equipo de radiosondaxe, "unha complexa infraestrutura que permite dar información da situación real cada 10 minutos".

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, nunha intervención no Parlamento de Galicia.. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, nunha intervención no Parlamento de Galicia.. XUNTA | Fonte: Europa Press

"As predicións e avisos de Meteogalicia permítennos anticiparnos aos fenómenos meteorolóxicos adversos que afectan á saúde e seguridade das persoas como son as ondas de calor, inundacións e incendios", apostilou. Por todo iso, insistiu en demandar para Galicia "as competencias plenas" neste ámbito. "Seguiremos reclamando ao Estado o traspaso. Esperemos maior colaboración que coa lei do litoral. Se empezan a dar voltas, este Goberno non o vai a permitir", advertiu.

MEDIDAS FRONTE AO CAMBIO CLIMÁTICO

Ademais, nesta comparecencia, a conselleira afirmou que a lei do clima entrará no Parlamento no terceiro trimestre de 2025, co obxectivo de "alcanzar a neutralidade climática en 2040". Así, avanzou a posta en marcha do segundo Plan Integrado de Enerxía e Clima, co horizonte en 2030 e que pretende aprobar "este mesmo mes", contará con case 1.900 millóns de euros para executar un total de 93 medidas encamiñadas a "mitigar as emisións de efecto invernadoiro, adaptarse ás consecuencias do cambio climático, a investigar as posibles causas e efectos, e incidir na concienciación e divulgación social".

Terá catro eixos con 10 obxectivos e 34 liñas de actuación, segundo explicou, que se desenvolverán a través de 93 medidas das que avanzou as catro "máis importantes". En concreto, en canto á "mitigación", fomentarase un cambio cara ao uso de transportes eficientes, "impulsando medios colectivos nas áreas urbanas e o transporte a demanda nas áreas rurais. En relación coa adaptación ao cambio climático, reforzaranse os sistemas de saneamento para evitar a contaminación das masas de auga por inundacións e efectos asociados a fenómenos meteorolóxicos adversos. No ámbito da sensibilización social, sinalou que porán en marcha o programa Mocidade polo Clima para "concienciar" aos mozos. Por último, sobre investigación, impulsarán a compra pública "e innovadora" para desenvolver "novas solucións" como o mercado voluntario de créditos de carbono.

MERCADO DE CRÉDITOS DE CARBONO

O obxectivo deste mercado voluntario de créditos de carbono, detallou, será axudar ás empresas a compensar as súas emisións de dióxido de carbono coa realización de distintos proxectos. Tal e como asegurou, "elevarase a aprobación no primeiro trimestre de 2025". Para o desenvolvemento deste mercado, Ángeles Vázquez explicou que se empregarán ferramentas tecnolóxicas e técnicas xa incluídas no proxecto 'Sicle CO2', ao que destinarán 6,8 millóns de euros ata 2028. O 60 % desa contía, manifestou, sufragarase con fondos europeos. "Foi un dos poucos proxectos seleccionados para formar parte de algo fundamental para esta compra innovadora", puxo en valor.

Do mesmo xeito, a conselleira indicou que coa lei do clima crearase un novo foro consultivo conformado por cinco organizacións "expertas" en materia de cambio climático. Estará formado por un grupo técnico de carácter estable administrativo; a Rede Local polo Clima; a Alianza Galega polo Clima; a Oficina de Cambio Climático; e a Rede Galega de Investigación e Observación Ambiental, da que formará parte Meteogalicia.

ENERXÍAS RENOVABLES

Nesta mesma liña, fixo referencia ás enerxías renovables e, en concreto, á eólica, lamentando a "parálise total" do sector en Galicia debido ás resolucións da Sección Terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Agora, mostrou a súa confianza en que no futuro prime a doutrina aplicada nun recente auto que entendía que "debe prevalecer o interese público da liña eléctrica dun parque fronte a outro tipo de cuestións". Doutra banda, sobre inundacións, a conselleira expuxo que se mobilizarán 35 millóns de euros a actuacións en áreas de risco potencial e significativo de inundación e a traballos de conservación e mantemento nas canles fluviais da demarcación Galicia-Costa.

CRÍTICAS Á SÚA XESTIÓN

Tras a intervención da conselleira, o deputado do Grupo Mixto, Armando Ojea (DO), reprochou que "se promocionan os eucaliptos" e iso, engadiu, "vai en contra da biodiversidade". Así mesmo, tamén recoñeceu que se necesitan "industrias", pero iso "non pode ir en aras dun ataque ao medioambiente". Pola súa banda, a deputada do PSdeG Paloma Castro manifestou que a xestión de Ángeles Vázquez poderíase denominar como "a xestión da celulosa", sobre o que puntualizou: "Non falo de Ence ou de Altri, senón porque toda a súa política queda no papel". "Plans, estratexias, obxectivos, todos moi mediáticos e ambiciosos, pero todos quedaron no papel", criticou antes de instar á conselleira a "investir en medidas reais" e "non só en papel".

Tamén o parlamentario do BNG Luís Bará tachou a intervención da titular de Medio Ambiente de "discurso baleiro" e "simplista", e acusou a Vázquez de actuar como "brazo executor das políticas que lle ordenan desde a Consellería de Industria e desde os lobbies pasteiros, forestal e mineiro". Neste sentido, denunciou que a ampliación da Rede Natura da Serra do Careón, na Ulloa, "que se debía protexer polos seus valores ambientais", a Xunta "quere que acolla a celulosa de Altri".

"PRESIÓNS"

Tamén respecto da mina de Touro e a Altri, Bará denunciou "as presións ás que someten a persoal e cargos directivos" para que os proxectos "entren polo aro". Unha afirmación que, a continuación, censurou a conselleira: "Hai unha chea de informes sectoriais detrás dos que hai persoas, hai científicos e hai coñecemento; o que nunca hai son presións. É fortísimo o que acaba de dicir".

Sobre o traspaso das competencias de meteoroloxía, Bará reprochou á conselleira que os populares "estiveron a boicotear todos estes anos a transferencia dos servizos". "Trouxemos ata tres veces a proposición de lei e votaron en contra", criticou. Doutra banda, o deputado do PP, Gonzalo Trenor, defendeu que "fronte aos ecoloxistas de salón", a Xunta foi capaz de "mostrar ao resto do mundo que" sabe "facer as cousas ben" e apostou tamén por demandar as competencias en meteoroloxía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario (1 pend. aprobación)