Un total de 120 propietarios das Fragas do Eume mostran interese en vender 850 parcelas á Xunta

Hai tres lotes xa vendidos en Cabanas, As Pontes e Monfero, coa previsión de pechar a adquisición doutro tres proximamente.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 02/04/2025 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz Mouteira, informou de que un total de 120 propietarios do parque natural das Fragas do Eume mostrou o seu interese en vender 850 parcelas á Xunta. En resposta a unha pregunta do PSdeG na Comisión de Ordenación Territorial, a directora xeral explicou xa se finalizou a venda de tres lotes con 40 parcelas, que ocupan unha superficie de 30 hectáreas nos municipios coruñeses de Cabanas, As Pontes e Monfero.

Ademais, a Xunta formalizará a compra doutros dous lotes en abril, nunha notaría de Pontedeume, de 58 parcelas que ocupan 80 hectáreas. O importe será de 460.000 euros. A iso súmase un sexto lote, de 52 hectáreas, cuxa adquisición está prevista entre os meses de maio e xuño. Díaz Mouteira lembra que a Xunta conta cunha partida de 1,3 millóns durante este ano para estas compras de terreos. Valora a "boa aceptación" da oferta voluntaria de donos de parcelas, pois lembra que non se trata de expropiacións, nun proceso que está aberto.

Igualmente, remarca que preto do 80 % dos terreos son privados e trabállase pola "compatibilidade" da conservación coas actividades socioeconómicas. Así, aposta por incrementar a superficie pública en parcelas nas que realizar unha restauración como eliminar eucaliptos. Subliña que hai un compromiso de investimento do Goberno galego de 8,5 millóns nas Fragas do Eume durante os anos do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX). Tamén valorou a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que valida o plan reitor das Fragas do Eume aprobado pola Xunta, polo que "se confirma a legalidade" do decreto de 2023.

O PSDEG RECLAMA COMPENSANCIONES

Pola súa banda, o deputado socialista Xullo Abalde critica que a Xunta destina a "cantidade ridícula" de pouco máis dun millón de euros para estas adquisicións, con prezos "claramente insuficientes" de entre 3.500 e 7.000 euros por hectárea. Reclama ao Goberno galego que "tente compensar" a estes propietarios que "levan 20 anos protexendo parte moi importante de patrimonio natural", pois resalta que se trata de terreos de "alto valor ecolóxico".

Fragas do Eume
Fragas do Eume | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta