Guía para celebrar este Día das Letras Galegas

A Coruña centra as actividades institucionais e Santiago as actividades reivindicativas dunha xornada marcada polo amor a lingua. Tamén haberá carreira, recitais, música e roteiros en homenaxe a Luísa Villalta.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/05/2024 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Galicia celebra un ano máis a festa da súa lingua e das súas letras. A Coruña, localidade natal de Luisa Villalta -- e que bautizou como 'Cidade Alta' --, acollerá gran parte dos actos de homenaxe e celebración do Día das Letras Galegas, entre eles, o tradicional Pleno da Real Academia Galega (RAG) e o concerto organizado polo Consello da Cultura Galega.

O pleno da RAG do venres será unha sesión pública, de entrada libre ata completar a capacidade do recinto e celebrarase a partir das 12:30 horas no Teatro Rosalía. Emitirase en directo desde academia.gal e a canle de Youtube da RAG. As alocucións sobre a homenaxeada serán pronunciadas polas académicas Ana Romaní e Margarita Ledo e o académico Euloxio R. Ruibal.

A parte musical correrá a cargo da violinista da Real Filharmonía de Galicia, Kiyoko Ohashi, e da cantante e poeta coruñesa Estíbaliz Espinosa. O repertorio incidirá nos gustos da dramaturga, poeta, narradora, ensaísta e articulista homenaxeada, ademais de violinista, vocación que apartou para dedicarse á docencia e á escritura, pero que non deixou de aldo "como fonte de inspiración vital e literaria".

Euloxio R. Ruibal, Ana Romaní e Margarita Ledo profundarán en distintos aspectos da vida e da obra da autora, á que a RAG dedica este 17 de maio de 2024, coincidindo co vixésimo aniversario do seu falecemento por unha meninxite, aos 46 anos de idade.

CONCERTO DE LETRAS GALEGAS

A cidade herculina tamén é o lugar escollido polo Consello da Cultura Galega (CCG) para celebrar a cuarta edición do Concerto das Letras Galegas, que organiza a entidade co apoio do Concello da Coruña.

A cita será este xoves 16 de maio, no Teatro Colón ás 20,30 horas, a cargo do Grupo Instrumental Século XX, dirixido por Florian Vlashi.

Ademais dos compositores preferidos da homenaxeada, no programa estrearase a peza 'Concerto para un home só', baseada na obra homónima de Luísa Villalta e que o CCG encargoulle a Federico Mosquera (A Coruña, 1986). Tamén participará o actor Xosé Barato (que fará de 'home só'). A escenografía corresponde ás Dúas e Punto. O concerto, de entrada libre ata completar aforamento, tamén se poderá seguir en directo na páxina web do CCG e nas plataformas da CRTVG.

MANIFESTACIÓN EN SANTIAGO

Por outra banda, a plataforma Queremos Galego convocou unha manifestación para este venres en Santiago, lembrando que este ano se cumpre o 20 aniversario do Plan Xeral de Normalización da Lingua, e que durante este tempo "non só non se desenvolveu, senón que se produciron importantes retrocesos".

A marcha, que partirá ás 12,00 horas da Alameda, celebrarase baixo a lema 'Galego vivo. Galiza viva!'. A actriz María Vázquez presentou o manifesto deste ano. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, fixo un chamamento a "saír á a rúa" para "reverter a situación de emerxencia lingüística en todos os campos". Pide "dar a volta a esta regresión" no galego, en ámbitos como a "práctica desaparición" da educación infantil.

Na presentación da manifestación denunciou ademais que só un 1% de sentenzas publicadas en galego, á vez que o decreto do plurilingüísmo "prohibe" o galego en diferentes ámbitos educativos, unido a que hai menos debuxos animados en galego que na época do Xabarín. A isto súmase que administracións como o Concello de Ferrol defenden o monolingüismo en castelán.

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua | Fonte: queremosgalego.com

A esta marcha está prevista a asistencia da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e outros cargos do partido, mentres que do PSdeG estará o eurodeputado, Nicolás González Casares, e a deputada Silvia Longueira. 

LETRAS DEPORTIVAS

Por outra banda, a celebración do Día das Letras Galegas tamén terá a súa cara deportiva coa celebración un ano máis da carreira 'Camiño das Letras', que outro 17 de maio volve propor unha ruta entre o Pico Sacro (Boqueixón) e a Cidade da Cultura. A nova edición desta proba deportiva organizada por Xurdir en colaboración coa Xunta foi presentada este venres no Gaiás, meta da carreira de 15 quilómetros que percorre o último tramo da Vía da Prata.

A carreira, que forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, divídese en dúas probas absolutas nas que poden participar tanto atletas federados como afeccionados. Así, a ruta longa partirá ás 10.00 horas do Pico Sacro para finalizar tras 15 quilómetros pola ruta da Vía da Prata na Cidade da Cultura, lugar onde se desenvolverá a proba curta, de 5 quilómetros nun circuíto que atravesará o 'Bosque de Galicia'. Ademais, tamén haberá carreiras para os máis novos, con circuítos no complexo do Gaiás para categorías entre a sub6 ata a sub16, segundo explican os promotores nun comunicado.

Luisa Villalta. ARQUIVO DA FAMILIA DE LUISA VILLALTA
Luisa Villalta. ARQUIVO DA FAMILIA DE LUISA VILLALTA

OS OUTROS XEITOS DE HOMENAXEAR A LUÍSA VILLATAL

Ademais, son moitos os concellos e entidades que realizarán actividades en homenxa da poetisa coruñesa con recitais, roteiros ou eventos culturais. Destacan tamén iniciativas como as do grupo A banda da Loba que lanzou a traca final da súa homenaxe a Luísa Villalta neste 2024: 'E o mar'. Con esta canción de ritmo 'ska' que recorda un pouco ao Bella Ciao, as 'lobas' queren reivindicar a cara máis social da escritora "que formou parte do movemento Nunca Máis ou escribiu posicionándose do lado do pobo palestino nesta guerra que semella non ter fin".

Tamén a Biblioteca de Galicia inaugurou a exposición 'Luísa Villalta, a memoria dos sons', sumándose á homenaxe este ano polo Día das Letras á escritora coruñesa. A mostra fai un repaso pola súa traxectoria desde a poesía e a narrativa ata o teatro ou a súa estreita relación coa música, ademais de facer fincapé no seu activismo social.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta