Pediatras de atención primaria reúnense en Santiago para abordar a saúde mental e as novidades en vacinación

O encontro, organizado pola Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria, celebrarase este sábado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2024 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria organizou para este sábado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela a súa XVII Reunión Anual na que máis dun centenar de profesionais se dan cita para participar nunha xornada científica na que se abordarán as novas evidencias científicas en inmunización, función renal, asma ou saúde mental infanto-xuvenil, entre outras.

Será unha xornada con sesións e talleres prácticos sobre distintos temas de actualidade, transmitidos por expertos en cada materia e de forma presencial, algo "fundamental", segundo a presidenta da entidade, Amparo Rodríguez Lombardía, que explica que hoxe en día se ten "fácil acceso á información, pero falta ver como manexan determinadas situacións os especialistas experimentados e así poder enfrontarse mellor a elas en consulta e facer a abordaxe máis correcta".

Así, detallou que o obxectivo final é a "mellora de atención a pacientes" para a posta en marcha dunha reunión que este ano pon o foco de atención en patoloxías moi frecuentes como a función renal ou a asma, pero tamén na formación en aparatoloxía e técnicas como a dermatoscopia para estudar as lesións cutáneas, sen esquecer as novidades e inmunizacións para este ano, das que falará o coordinador do Comité Asesor de Vacinas da AEP, Francisco Álvarez, xa que por primeira vez o calendario inclúe dúas táboas, a das inmunizacións sistemáticas que deben recibir todos os nenos e adolescentes, e outra para grupos de risco con enfermidades inmunoprevibles.

Ademais, a organización sinalou que se falará das novas vacinas dispoñibles e dos cambios nas pautas de administración. Neste sentido, Rodríguez Lombardía, que intervirá sobre o repunte xeneralizado da tosferina, aínda que en Galicia a cobertura vacinal supera o 90%, aproveitou para destacar precisamente o labor da atención primaria no mantemento das altas coberturas vacinais, lembrando que a comunidade galega "foi pioneira e conta cun dos mellores calendarios do mundo".

SAÚDE MENTAL


Outro tema que se abordará na reunión será a saúde mental infanto-xuvenil que tanto preocupa aos especialistas ante un incremento dos trastornos de depresión, autolesións e adiccións en nenos e adolescentes.

Diso falará Pedro Javier Rodríguez, presidente da Sociedade de Psiquiatría Infantil da Asociación Española de Pediatría (SPI-AEP), na súa conferencia de clausura 'Ansiedade, depresión, autolesións e suicidio. Cara onde imos e que podemos facer', adiantando que "desde a pandemia os suicidios e as autolesións multiplicáronse por catro en nenos e mozos".

O relatorio tratará os factores que inflúen na aparición de depresión neste segmento da poboación e a alta incidencia de casos, cada vez maior, propiciadas por numerosas causas, entre elas o uso recorrente das tecnoloxías e o bullying en centros escolares.

As vacinas axudan aos mesmos nenos e a quen os rodean
As vacinas axudan aos mesmos nenos e a quen os rodean | Fonte: Istock

Tamén as estratexias que expoñen os especialistas para mellorar os datos, como a necesidade de mellorar os recursos asistenciais en saúde mental, pór en marcha programas de prevención e un incremento de formación en saúde mental en todos os profesionais vinculados ao espectro infanto-xuvenil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta